A Cimeira dos BRICS, inicio dunha nova orde mundial?
A primeira vista pode parecer que os pasos dados nesta reunión non son moi grandes, pero a longo prazo poderían ser o principio de toda unha nova infraestrutura económica na que Occidente deixe de ser o único dominante, o que permita aos países do Sur participar plenamente. A historia dirá se se pode cualificar esta Cimeira de histórica
Do 22 ao 24 de outubro 36 países, na súa maioría do Sur, participaron na décimo sexta Cimeira dos BRICS. O Secretario Xeral das Nacións Unidas, António Guterres, tamén asistiu á reunión. En palabras do Presidente chinés Xi, a Cimeira pretende «crear novas oportunidades para o Sur Global».
Cambio no equilibrio de poder
Desde a Segunda Guerra Mundial houbo varios intentos por parte dos antigos países colonizados de estabelecer unha orde mundial máis xusta. Nos anos setenta, por exemplo, tentouse estabelecer unha Nova Orde Económica Internacional.
Estes e outros intentos fracasaron debido ás divisións internas e, sobre todo, a que o equilibrio de poder mundial era moi desfavorábel. O Norte tiña todo tipo de pancas económicas e diplomáticas para manter baixo control aos países do Sur. E se con iso non abondaba, os Estados Unidos tiraban da opción militar.
A situación cambiou profundamente desde aquela. Nas últimas décadas, o dominio económico de Occidente diminuíu drasticamente. En 1990 os Estados Unidos e os seus aliados aínda representaban o 62,4% do produto mundial. Este ano reduciuse ao 39,6%, e o descenso continúa. Doutra banda, países como China e a India, e ao seu ronsel outros países emerxentes, están a irromper con forza.
O impacto de Occidente na esfera militar tamén caeu en picado. Todas as intervencións militares de Estados Unidos e os seus aliados dos últimos 25 anos fracasaron. Tiveron que abandonar Iraq e Afganistán, non conseguiron dominar Siria e Iemen, e Libia terminou sendo un completo fracaso e un caos.
Ao empezar a guerra en Ucraína esperaban pór de xeonllos a Moscova sobre a base dun apoio militar xeneralizado a Kiev e fortes sancións económicas contra Rusia. Pero foi outro fracaso. Non en balde, o xefe da CIA William J. Burns sinalou que «os Estados Unidos xa non posúen unha supremacía indiscutíbel».
Así que cambiaron moitas cousas. En marzo deste ano o presidente chinés en visita a Vladimir Putin expresouno así: «Agora mesmo hai cambios como non vimos en cen anos e debemos impulsalos xuntos».
Este é o contexto no que se desenvolveu a Cimeira de Kazán.
Un club que non é pequeno
O grupo BRICS creouse en 2006. A sigla vén dos catro membros orixinais Brasil, Rusia, A India e China. Suráfrica incorporouse en 2010. O obxectivo dos BRICS é «remodelar a arquitectura política, económica e financeira mundial de maneira xusta, equitativa e representativa, baseándose no multilateralismo e o dereito internacional». Noutras palabras, os cinco países queren estabelecer un goberno mundial que sexa inclusivo e igualitario.
O 1 de xaneiro de 2024, incorporáronse catro novos membros como membros de pleno dereito: Exipto, Etiopía, Irán e os Emiratos Árabes Unidos (EAU). Na Cimeira en Kazán, 13 «países socios» uníronse a BRICS+. E hai polo menos outros 20 países que teñen interese en unirse, de xeito que o grupo BRICS+ xa non é un club pequeno.
Representa actualmente o 46% da poboación mundial e o 37% do produto mundial(1). Os BRICS+ tamén representan unha cuarta parte de todas as exportacións de bens e o 40% da produción de petróleo. O PIB dos BRICS+ é xa maior que o do G7 e a súa produción industrial duplica mesmo a do G7.
Mundo multipolar
Os BRICS fundáronse para crear un espazo de maior cooperación entre as economías emerxentes e servir de contrapeso a Estados Unidos e os seus aliados. Os países BRICS queren afastarse das prácticas dominantes de Occidente. Buscan un mundo multipolar, un mundo no que haxa máis equilibrio de poder e máis oportunidades para os países do Sur.
A gran crise financeira (2007-2011) demostrou o fráxil e pouco fiábel que é a arquitectura económica dos países occidentais. O nacionalismo respecto das vacinas contra a COVID-19 demostrou o pouco fiábeis que, á hora da verdade, son os países do Norte. O mesmo ocorre coa negativa dos países ricos a asumir a súa responsabilidade histórica no quecemento global.
A división aumentou por mor da guerra en Ucraína. A maioría dos países do Sur mantéñense en gran medida neutrais e néganse a cooperar coas sancións económicas contra Rusia. Ademais, moitos países torceron o fociño cando se conxelaron as reservas de efectivo do Banco Central ruso en Occidente e se excluíu os bancos rusos do tráfico internacional de pagamentos (SWIFT). Se hoxe se pode facer con Rusia, mañá pódese facer con calquera outro país. A consecuencia diso, viuse gravemente minguada a confianza no sistema financeiro occidental.
A ruptura agravouse polo apoio incondicional de Occidente ao xenocidio de Gaza. Os países occidentais anunciaran inmediatamente fortes sancións contra Rusia tras a invasión de Ucraína, pero deixan a Israel totalmente libre, mesmo fornecen armas ou deixan que se utilicen os seus portos e aeroportos para transportalas a Israel. Esta dobre vara de medir é incomprensíbel e inaceptábel para os países do Sur.
Independencia financeira
Un dos aspectos importantes é a procura por parte dos países BRICS dunha maior independencia financeira dos sistemas financeiros occidentais e do dominio do dólar. «Todas as noites me pregunto por que todos os países teñen que basear o seu comercio no dólar», dixo Lula nun discurso ante o Novo Banco de Desenvolvemento, o novo nome do banco dos BRICS. Ese banco creouse en 2015 para promover estes esforzos en prol da independencia financeira.
Para se liberar do dólar, no seo dos BRICS circulan ideas para crear unha moeda de reserva, apoiada nun 40% por ouro e outros recursos naturais e nun 60% por unha cesta de moedas dos países membros.
Tamén promove unha plataforma de pagamentos e liquidación que conectaría os mercados financeiros dos países BRICS, independente do actual Banco de Pagos Internacionais (BPI), con sede en Suíza.
Outros proxectos son: un sistema de seguros propio, unha axencia de cualificación independente das potencias occidentais e un sistema independente de transaccións interbancarias que poida competir co SWIFT, controlado polos Estados Unidos.
Malia que aínda non se destronou o dólar e poida que siga sendo a moeda de reserva mundial durante bastante tempo, nos próximos anos podería xurdir un mundo monetario «multipolar», que faría os países do Sur menos dependentes do dólar e reduciría a capacidade dos Estados Unidos para utilizar a arma das sancións económicas.
A primeira vista pode parecer que os pasos dados nesta reunión non son moi grandes, pero a longo prazo poderían ser o principio de toda unha nova infraestrutura económica na que Occidente deixe de ser o único dominante, o que permita aos países do Sur participar plenamente.
En calquera caso, ao cambiar as relacións de forza, agora hai moitas máis posibilidades de que isto ocorra que hai cincuenta anos. A historia dirá se se pode cualificar esta Cimeira de histórica.
_____________________________________________________________________________
Fontes:
16th BRICS summit opens in Kazan, Russia
Expanding list shows BRICS’ unique appeal in ‘openness, inclusiveness, fairness and justice’
Internacional. Los BRICS, en Kazan, marcan el futuro del mundo
Elite US economist warns: dollar system is weakening as gold BRICS rise
_____________________________________________________________________________
Nota:
(1) Produto mundial expresado en dólares PPA (paridade de poder adquisitivo). Esta cifra ten en conta as diferenzas de prezos entre países para os mesmos bens ou servizos e expresa o poder adquisitivo real.
_____________________________________________________________________________
Texto orixinal: https://www.dewereldmorgen.be/artikel/2024/10/25/is-brics-top-begin-van-nieuwe-wereldorde/
_____________________________________________________________________________
[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 29 de outubro de 2024]