A CIG xustifica a súa condición de interesada no procedemento de autorización do proxecto de Altri
Ao igual que milleiros de persoas e colectivos, a CIG vén de xustificar a súa condición de interesada no procedemento de autorización do proxecto da macrocelulosa que Altri quere instalar en Palas de Rei, logo do requirimento remitido pola Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético.
A CIG denuncia a pretensión da Xunta de Galiza, con estes requirimentos, de calar e deixar fóra do procedemento administrativo ás persoas e colectivos alegantes exixindo que demostren a súa condición de “interesados”. Unha actitude “inédita” coa que, utilizando a maquinaria da administración, pretende amordazar ás persoas que rexeitan que se autorice a planta de produción de fibras téxtiles a base de celulosa tan daniña, non só para o seu contorno, senón para todo o país.
Para a central sindical esta actuación demostra o talante antidemocrático do Goberno de Rueda, que deste xeito incumpre o artigo 53 da Lei 39/2015 que establece a condición de persoas interesadas nun procedemento administrativo.
Como incumpre tamén a propia Constitución, na que se preservan (nos artigos 15, 43,1 e 45.1) os dereitos á vida e á integridade física, á protección da nosa saúde, a desfrutar dun medio ambiente axeitado para a saúde das persoas e a preservar o uso de diñeiro público ante o intento de Altri e da Xunta de Galiza de obter financiamento das Administracións Públicas.
A CIG denuncia o perigo que supón Altri para o tecido económico e social; para a poboación das comarcas polas que discorre o río Ulla; para os sectores do mar que viven da ría de Arousa, que están totalmente afectados por este proxecto que ameaza o seu futuro e para o conxunto de Galiza, porque o proxecto da macrocelulosa implica mudar o modelo de país e por tanto aféctanos a toda a cidadanía”.
Manifestación o 15 de decembro
A CIG, xunto coas plataformas e colectivos, súmase ao chamado a participar masivamente na grande mobilización nacional convocada para o vindeiro 15 de decembro en Compostela. Unha manifestación que ten que ser unha nova demostración da contestación social en contra do proxecto da macrocelulosa de Altri-Greenalia en Palas de Rei baixo o lema “A Xunta non poderá calar todo un país. Altri non!”.
Ante o desprezo do goberno galego a informes científicos como o do Consello da Cultura Galega, a pretensión de silenciar o clamor social contra Altri e a obsesión de Rueda por priorizar os intereses particulares dunha empresa no canto de defender ás galegas e galegos, ao noso territorio e aos nosos sistemas produtivos só queda saír ás rúas.