A CIG volve mobilizarse para reclamar a readmisión do despedido na empresa de autobuses Ojea
A CIG desenvolveu este xoves unha nova mobilización diante da estación de autobuses de Ponteareas para denunciar a represión sindical na empresa autocares Ojea e reclamar a readmisión do afiliado da central despedido. A protesta, que se desenvolveu de 11:00 a 12:00 horas, trasladouse tamén até o interior do edificio, ás portas das oficinas da empresa. O xuízo para solicitar a nulidade do despedimento terá lugar o vindeiro 25 de agosto en Vigo.
A rescisión de contrato do traballador produciuse tras unha campaña previa de acoso laboral que afectou tamén a outro compañeiro do agora despedido que se presentara como candidato da central en anteriores procesos de eleccións sindicais, “o que amosa ben ás claras que se trata dun caso de represión sindical”, explican dende a CIG. A persecución contra eles comezou unha vez rematadas as votacións, nas que foi elixido o candidato da UGT e no que o da CIG obtivo un tercio dos votos (a empresa conta cun cadro de persoal de 30 traballadores/as).
A empresa propiedade dos irmáns Carlos e Manuel Pino González comezou primeiro a indagar entre o cado de persoal para ver quenes foron os que votaron por el e despois a modificarlles os servizos e a retiralos das liñas regulares para que non tivesen posibilidade de cobrar o plus do 20% que lles corresponde aos condutores-preceptores. “Deste xeito redúcenlles as nóminas para que se cansen e opten por abandonar eles mesmos a empresa”. Con este obxectivo tamén deciden mandalos para casa cada día unha vez rematada a súa función como condutores de autobuses escolares, cando o resto de compañeiros/as teñen que regresar ao taller. “Así evitan ter que pagarlles a comida, o que tamén contribúe á merma dos seus salarios”, denuncian.
Denuncia na Inspección de Traballo
Antes tamén decidiran baixar o prezo das dietas, polo que os dous afectados optaron por reclamar as cantidades que deixaran de ingresar con anterioridade, ao igual que fixo o despedido coa antigüidade. “Gañou xudicialmente esta última reclamación, mentres que a das dietas aínda está pendente de resolución”. Foi a partir de aí cando os empresarios toman a decisión de botalo argumentando “perda de confianza”, polo que a CIG presentou unha demanda solicitando a nulidade do despido ao entender que se trata dunha decisión derivada dun caso de acoso por presentarse pola central ás eleccións.
“A actitude discriminatoria da empresa tamén está denunciada diante da Inspección de Traballo, xa lles obrigan a facer servizos exlusivos para eles coa finalidade de prexudicalos; o problema é que a empresa ten moi fácil sementar o medo porque ten 10 ou 12 traballadores/as eventuais vinculados aos servizos de transporte escolar”.