A CIG volve mobilizarse nos xulgados de Pontevedra en apoio do delegado da conserva denunciado por participar nun piquete
Delegados/as da CIG mobilizáronse hoxe de novo diante dos xulgados de Pontevedra en solidariedade co traballador da conserva denunciado pola empresa Conservas de Cambados pola súa participación nos piquetes informativos durante a pasada folga convocada no sector en defensa dun convenio digno. O proceso penal por un suposto delito de lesións quedou visto para sentenza e o xuíz non aceptou as acusacións de allanamento e coaccións que pretendía a compañía con sede en Ribadumia.
A protesta de apoio ao traballador afectado -que tamén e delegado sindical e participou na mesa de negociación do convenio- desenvolveuse nos xulgados da Parda a partir das 9 da mañá, unha hora antes de que dera comezo a sesión, ao berro de “Non á represión sindical”. Nesta ocasión si que se celebrou o xuízo, xa que con anterioridade fora adiado como consecuencia da folga de letrados. Tamén daquela a CIG desenvolvera unha protesta solidaria.
Na central denuncian que Conservas de Cambados pretende tirar rédito económico a costa da CIG, xa que a pesar de que nos piquetes da folga participaron tamén CCOO e UGT “a empresa unicamente denunciou o noso delegado pola pequena lesión do seu xerente, que dixo que se golpeou no portalón da fábrica”. O xuíz non admitiu a trámite as acusacións e pretensións da compañía de imputar tamén un delito de allanamento e coaccións.
Dende a FGAMT-CIG fan fincapé en que Conservas de Cambados carece de representación sindical, “por iso os piquetes se desprazaron ese día ás portas da fábrica para informar da xornada de folga e da situación da negociación do convenio colectivo”. Neste senso, queren deixar moi claro que quen realmente coaccionou as traballadoras/es e vulnerou o dereito de folga foi a empresa, “impedindo tamén que se informase ´ss traballadoras/as do sector da conserva.