A CIG volve mobilizarse nos xulgados da Coruña en defensa da liberdade e o traballo sindical
A CIG realizou unha concentración este venres nos xulgados da Coruña en defensa da liberdade e o traballo sindical e en apoio á compañeira Chelo e ao compañeiro Javier, que están pendentes dunha causa penal no xulgado de instrución nº 1 e dun expediente disciplinario, por exercer o seu labor sindical durante a histórica folga da xustiza do pasado.
"Defender os dereitos non é delito", "non á represión" ou "contra a represión, mobilización" foron algunhas das consignas que se escoitaron nas escaleiras de acceso ás dependencias xudiciais, evidenciando que un ano despois da folga "aínda hai traballadores e traballadoras que están sendo perseguidas por defender os dereitos de todo o persoal da xustiza".
Este é o caso da nosa compañeira Chelo Rodríguez, delegada da CIG no sector de xustiza, e do compañeiro Javier Fernández, que era delegado sindical naquel momento, que están pendentes de que se resolva un expediente disciplinario e un xuízo, por mor da denuncia dunha letrada que a Fiscalía elevou ao xulgado.
"Hoxe mobilizámonos de novo aquí para que se saiba que non imos abandonar a loita e que non imos pasar por atropelos nin por complicidades. Agardamos que isto se resolva axiña e remate esta persecución, pero se non é así, que saiban que continuaremos coas protestas mensuais", aseveraba a propia Chelo ao remate da concentración.
Hai que lembrar que a denuncia que motivou a instrución ten a súa orixe na queixa presentada por esa funcionaria diante do TSXG, despois de que un piquete informativo falara con ela nunha das xornadas da folga, a causa da interpretación abusiva que estaba facendo dos servizos mínimos. "Arrogouse unhas competencias que non lle corresponden para ampliar os servizos mínimos e mentres a ela non lle pasou nada, nós estamos nesta situación", denuncian.
Dende CIG-Xustiza volveron sinalar á responsabilidade da Xunta de Galiza, que foi a primeira que criminalizou a loita do persoal de xustiza, e enmarcan estes procesos nunha campaña de represión sindical froito dunha decisión política que "busca penalizar as organizacións que defenden os dereitos dos traballadores/as e servir de exemplo para o resto do persoal do sector público" á hora de reivindicar melloras salariais e laborais".
Por iso, reiteraran que a CIG non deixará de mobilizarse até lograr o arquivo do expediente disciplinario e do proceso xudicial aberto, tal e como xa aconteceu co xuízo de faltas que tivo lugar o pasado mes de decembro contra diversos membros do comité de folga, que concluíu cunha sentenza absolutoria.
Os xulgados do Penal da Coruña, discriminados pola Dirección Xeral e os sindicatos asinantes do acordo de 2018
Doutraba banda, a CIG-Xustiza informou que o persoal dos xulgados do Penal da Coruña vén de presentar un escrito ante a Dirección Xeral denunciando a súa exclusión da terceira fase do plan de actuación posto en marcha pola Xunta para a recuperación do traballo perdido durante a folga de 2018.
Dito plan, lembran, púxose en marcha un ano despois da fin da folga, "cando a situación dos xulgados xa era insostíbel". Os órganos penais da Coruña foron incluídos na primeira e segunda fase pero na terceira, que comeza a semana próxima, quedan excluídos de xeito incomprensíbel e inxustificado.
Mentres os órganos do Penal de Ferrol, Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo van ser reforzados, "os da Coruña, con máis carga de traballo nun partido xudicial con máis habitantes que a cidade olívica, quedan fóra, polo que o persoal dos mesmos decidiu presentar un escrito ante a Dirección Xeral coa sinatura do funcionariado e recoller o apoio do Decanato da Coruña", denuncian.
A este respecto, a CIG insta os sindicatos asinantes do acordo de maio de 2018 (SPJ-USO, UGT, CCOO) a que asuman a súa responsabilidade "no fiasco" deste plan de recuperación, xa que polo visto "non fixeron ningunha alegación con respecto aos órganos excluídos do mesmo, tendo que ser os propios traballadores e traballadoras os que se mobilicen intentando acadar unha solución á súa insoportábel carga de traballo, coñecida de sobra tanto por esas centrais sindicais como pola Administración".