A CIG volve mobilizarse diante de Abanca en Salvaterra esixindo a readmisión da delegada despedida

A central denuncia que se trata dun caso de represión contra a representante do comité provincial de Pontevedra pola súa actividade sindical
Salvaterra - 08 Mai 2026

Persoas delegadas da federación de Banca da CIG mobilizáronse este xoves diante da oficina de Abanca en Salvaterra do Miño ao berro de “Represión sindical, terrorismo patronal” e “Montse readmisión” para denunciar novamente o despido “inxusto e inxustificado” dunha traballadora desta sucursal -delegada no comité de empresa provincia de Pontevedra- pola súa actividade sindical.

En consecuencia, a CIG-Banca recorreu xudicialmente a decisión e, despois dalgúns atrancos, o xuízo -que ía celebrarse no mes de abril- está fixado finalmente para o mes de setembro. Dende a central sindical sosteñen que o despido “non foi un feito casual nin ao azar, senón que foi un acto deliberado contra unha compañeira que exerceu activamente o seu papel como delegada sindical, e foi parte importante no traballo desenvolvido pola sección sindical da CIG nos meses anteriores á exitosa folga do 11 de xaneiro de 2024, na que o persoal de Abanca botouse á rúa para denunciar a política de abusos da empresa e a continua perda de poder adquisitivo; mentres Abanca publicaba cuantiosos e escandalosos beneficios.”

Ademais da permanente acción sindical desenvolvida pola CIG, foron presentadas catro demandas contra a empresa nos meses posteriores. Na última delas, que foi por vulneración da liberdade sindical na negociación do anterior plan de igualdade, a sección sindical subliña que “estaban implicadas as mesmas persoas instrutoras do expediente a medida que pretende xustificar o despedimento da nosa compañeira”.

Tal e como anunciou o secretario da sección sindical da CIG en Abanca, Clodomiro Montero, durante a concentración, o sindicato non vai cesar na loita contra un despedimento co que pretenden amedrentar ao sindicato para que non continúe denunciando as constantes irregularidades e abusos que comete Abanca acotío. “A dirección ten que tomar nota de que seguiremos defendendo os dereitos do persoal e seguiremos a carón de Montse, na seguridade da súa completa inocencia nos feitos que se lle imputan”.