A CIG volve gañar as eleccións sindicais no hospital Povisa de Vigo
A CIG gañou unha vez máis as eleccións sindicais no hospital Povisa de Vigo. Tras o proceso celebrado onte, a central sitúase de novo como forza con máis representantes no comité ao manter os 6 delegados/as obtidos nas anteriores votacións a pesar de que nesta ocasión foi quen de incrementar o número de apoios recibidos entre o cadro de persoal.
A CIG revalida a súa condición de principal sindicato do hospital privado vigués grazas aos 282 votos colleitados, que se traducen en 6 representantes, 3 por cada colexio. No anterior proceso electoral, celebrado en 2015, a central obtivera tamén 6 delegados/as, aínda que unha cantidade lixeiramente inferior de apoios (275 votos: 126 entre o persoal técnico e administrativo e 149 entre os especialistas). Neste ocasión sumou 142 votos entre o persoal técnico e administrativo e 140 entre os especialistas.
A continuación situáronse OMEGA, con 281 votos e 5 delegados/as entre o persoal técnico e administrativo; e CCOO, con 254 apoios e 4 delegados/as (2 por cada colexio); UNENF sumou 196 votos e 4 delegados/as no colexio de técnicos/as e administrativos/as; SGPS un total de 75 votos e 1 representante en cada colexio; SATSE logrou un representante entre o persoal técnico e administrativo grazas aos 68 votos obtidos; e UGT sumou 65 votos no colexio de especialistas, o que lle dá dereito a un delegado/a.
Dende a sección sindical da CIG en Povisa agradecen o apoio maioritario recibido de novo entre o cadro de persoal e adiantan que continuarán na mesma liña de loita na defensa dos dereitos do conxunto das persoas traballadoras do centro hospitalario.