A CIG volve gañar as eleccións sindicais na refinería de Repsol da Coruña
A CIG vén de gañar as eleccións sindicais na refinería de Repsol Petróleo na Coruña, logrando 8 representantes (4 en cada un dos colexios) e máis do 36% dos votos, nun proceso marcado pola alta participación. Dende a Federación de Industria destacan que estes resultados avalan a acción sindical realizada na refinería nos últimos catro anos.
Nestas eleccións a CIG incrementou a súa representación, pasando de ter 5 delegados a contar con 8 membros nun comité que estará integrado por 21 persoas. A CIG volveu ser tamén a forza máis votada, cunha diferenza de máis do 10% sobre a segunda candidatura, a de CCOO, que tivo 5 representantes e o 25% dos votos.
O resultado total das votacións (Colexio de Especialistas e Colexio de Técnicos/as) foron:
OOSS |
Delegados/as |
Votos |
Porcentaxe |
CIG |
8 |
219 |
36,62% |
CCOO |
5 |
152 |
25.41% |
STR |
3 |
93 |
15,55 % |
UGT |
3 |
84 |
14.04% |
USO |
2 |
50 |
8.36% |
A sección sindical da CIG agradece a todos/as os/as traballadores/as da refinería a confianza depositada no modelo de sindicalismo combativo e de proximidade que defende a CIG. Estes resultados reforzan o compromiso da central na loita pola defensa dos dereitos dos traballadores e traballadoras da refinería e na recuperación do comité de empresa como órgano representativo de todo o persoal da fábrica.