A CIG volve gañar as eleccións sindicais en Massimo Dutti na provincia da Coruña
A CIG volveu gañar as eleccións sindicais celebradas no día de onte nas tendas Massimo Dutti da provincia da Coruña. As candidaturas da central nacionalista lograron sete das/os nove delegadas/os que se elixían para o comité e obtiveron un apoio superior ao 80% dos votos emitidos.
Para a CIG este resultado é consecuencia e avala o traballo sindical realizado nos últimos anos, en especial a loita iniciada para conseguir un incremento salarial digno. Neste senso, cómpre subliñar que, a pesar dos intentos da empresa de organizar candidaturas "amigas" cos sindicatos que en Madrid lle axudan a intentar parar a onda reivindicativa do persoal, os traballadores e as traballadoras das tendas de Inditex seguen apostando por un sindicalismo combativo dando o apoio masivo ás candidaturas da CIG.
Indicar tamén que o persoal de Massimo Dutti foi un dos que máis participou nas mobilizacións e folgas de decembro e é un dos cadros de persoal máis castigados polo plan de peches e despedimentos argallado por Inditex, e que avalaron en Madrid CCOO e UGT. De feito, na provincia xa só quedan abertas tendas físicas nas cidades da Coruña e Santiago.