A CIG volve gañar as eleccións sindicais en Galiza con 5.131 delegados e delegadas e o 31,05% da representación
A CIG sitúase como indiscutible primeira forza sindical ao remate do período de eleccións sindicais en Galiza, que se iniciou o 1 de xaneiro de 2020 e finalizou o 31 de decembro de 2023. A central sindical obtivo un total de 5.131 delegados e delegadas e o 31,05% da representación total e mesmo mellorou, obtendo 589 delegados e delegadas máis, 1,59 puntos máis que hai 4 anos.
Así o confirmou en rolda de prensa o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen lembrou que a representatividade sindical “determínase legalmente polo resultados das eleccións sindicais, que son as que se convocan nas empresas para a escolla das e dos representantes das persoas traballadoras: as e os delegados sindicais”.
Carril valorou moi positivamente non só que se revalidara, senón que mesmo se reforzara a condición de primeira forza sindical, “aumentando de forma considerábel o resultado respecto ao proceso anterior e sobre os outros sindicatos”.
Resultados en comarcas e federacións
O secretario xeral da CIG explicou que cos datos provisionais de fin de período, e a falta da proclamación dos datos oficiais que nos próximos días se coñecerán, a CIG é primeira forza tamén nas comarcas da Coruña, Ferrol, Compostela, Pontevedra e Vigo, e quedou en Lugo a 2 delegados de ser a segunda, pasando a ser efectivamente a segunda en Ourense.
En canto ás federacións, a central sindical tamén se situou como primeira forza en Construción, FGAMT, Industria, Saúde, Servizos e no Ensino Público.
A segunda forza segue sendo a UGT, con 4.248 delegados e delegadas e un 25,71%, quedando a 883 da CIG, a 5,34 puntos por baixo da CIG. Perde 0,17 puntos de representatividade e baixa en delegados e delegadas en Ferrol e Ourense.
En porcentaxe baixa en Ferrol, Ourense e Vigo e por federacións, perde na Administración e en Industria en números absolutos, pero en porcentaxe baixa na Construción, Ensino, FGAMT e Industria, sendo nesta última a caída máis grande (4.85 puntos menos).
A terceira forza é CCOO , con 4.142 delegados e delegadas e un 25,07% en porcentaxe, quedando a 989 delegados e delegadas e 5,98 puntos por baixo da CIG.
CCOO caeu 0,53 puntos. Cae ademais en números absolutos nas comarcas de Ourense e Vigo, e en porcentaxes en todas as comarcas, agás Pontevedra e Santiago. En canto a Federacións, cae na Administración, na Banca e en Saúde en número de delegadas e delegados e en porcentaxe, ademais desas, baixa na FGAMT e en Industria. A caída máis acusada tena en Vigo (-2.66 puntos) e na Saúde (-5.18 puntos).
Alén de ser primeira forza en todas as comarcas, agás Lugo e Ourense, a secretaria de Organización, Susana Méndez, sinalou que tamén o é en boa parte das Unións Locais, aquelas que se organizan en torno ás vilas.
É o caso das Unións Locais de Carballo e Cee, nesta última superando o 43%, ou a Unión Local das Pontes, cun 47,83%, a Unión Local da Mariña, a Unión Local de Verín, tamén con máis do 45% de representatividade para a CIG, as Unións Locais da Estrada e O Salnés, ou nas tres Unións Locais da área de influencia de Vigo: O Baixo Miño, O Morrazo, e O Porriño. No Baixo Miño, ademais, cun abrumador 61.62% de representatividade.
Diante destes datos, Méndez salientou que a CIG é, pois, “depositaria da confianza da maioría dos traballadores e traballadoras galegas, que a ven como unha ferramenta útil de defensa dos intereses da clase traballadora e da nación galega”.
Manifestou “orgullo” polo traballo feito polos compañeiros e compañeiras que “deron o paso adiante para formar parte deste proxecto de emancipación nacional e de clase” e agradeceu a confianza depositada na central sindical por miles de traballadores e traballadoras.
Con todo, especificou que ser primeira forza “non é un obxectivo en si mesmo, senón o camiño para continuar na mellor defensa das condicións de vida da clase traballadora galega” e advertiu que “seguirá sendo o esforzo, o traballo, o compromiso e, sobre todo, a loita colectiva a través dunha organización reforzada, as únicas ferramentas para conseguilo”.
Por iso, emprazou a todos os traballadores e traballadoras de Galiza “a que se afilien na CIG, a que se organicen na primeira central sindical deste país e a que loiten colectivamente nela”.
Pola súa banda Carril, explicou que aumentaron en 1.104 as persoas representantes a elixir, isto é, os delegados e delegadas en xogo no total que se disputaron. Ademais considerou que este resultado vén confirmar o modelo sindical da CIG, “dun sindicalismo nacionalista e de clase, dun sindicalismo combativo, de contrapoder, participativo, asembleario e defensor dunha Galiza democrática, sen explotación e soberana”.
Condición legal de “máis representativa”
O secretario xeral da CIG fixo especial fincapé en que con estes resultados “revalidamos e reforzamos a condición de primeira forza sindical e a condición legal de máis representativa de acordo á Lei Orgánica de Liberdade Sindical ( LOLS) que o sindicalismo nacionalista ten desde o ano 1982”.
A este respecto explicou que esta condición legal de representatividade “desprega efectos tamén no Estado español e por tal condición participamos como membros de pleno dereito na delegación española da Organización Internacional do Traballo (OIT) e dos organismos tripartitos creados no seo da Administración Xeral do Estado e dos seus organismo autónomos”.
Lembrou que “somos unha Organización Sindical que temos, por imperativo legal -mesmo constitucional- dereito á participación institucional en igualdade de condicións ao resto das Organizacións Sindicais máis representativas, que no caso do Estado español son só CIG, o sindicato vasco ELA, CCOO e UGT”.
Por iso denunciou que “este Goberno español, e de forma especial os Ministerios de Traballo e Seguridade Social destacan por ser constantes e permanentes na falta de respecto á nosa representación e aos nosos dereitos de participación institucional. Estes días temos exemplos abondo”, concluíu.