A CIG volve gañar as eleccións nos Gadis da provincia da Coruña e sube de 9 a 12 delegadas/os

A central sindical obtivo 820 votos no colexio de especialistas, case a metade dos emitidos
A Coruña - 14 Xun 2019

A CIG volveu gañar as eleccións sindicais celebradas ao comité de Gadis na provincia da Coruña ao obter 12 das 25 delegadas e delegados de persoal que se escollían. Deste xeito, a central nacionalista non só repite como forza máis votada (obtivo 820 votos dos 1.651 emitidos no colexio de especialistas) senón que logra incrementar a súa representación ao pasar de 9 a 12 membros.

A Federación de Servizos subliña que este resultado evidencia a consolidación da CIG en Gadis, unha das empresas máis importantes da provincia da Coruña en canto ao número de empregadas/os, e o acertado da acción sindical desenvolvida nestes últimos anos para enfrontar os abusos laborais e os despedimentos arbitrarios na empresa.  

"As traballadoras e traballadores entenderon que a única opción para comabter os abusos da empresa e defender os seus dereitos é a CIG, pois tanto USO como UGT actúan como sindicatos da empresa, que ocupan os postos do comité para secuestralos pero sen levar adiante acción sindical". Por iso, unha das prioridades das delegadas e delegados da central nacionalista nos vindeiros meses "será pór a andar o comité para que o persoal teña por fin unha representación real e efectiva".

Con este resultado, a CIG tamén se mantén como o referente na loita polos dereitos das traballadoras e traballadores no comercio de alimentación da provincia.

Os  resultados no colexio de especialistas das votacións celebradas o mércores 12 de xuño son os que seguen:

 

Colexio de Especialistas

Votos

Delegadas/as

CIG

820

12

USO

432

6

CCOO

205

3

UGT

194

3

Total

1.651

24

*No colexio de Técnicos/as escolleuse un representante do persoal que saíu elixido pola USO.

A CIG tamén gañou no Gadis-Hiper de Carballo

A CIG tamén revalidou a súa presenza no supermercado Gadis-Hiper de Carballo (antigo Haley) ao lograr a maioría dos votos (44 votos CIG, 26 UGT e 17 USO) e obter 2 das 5 delegadas/os que se escollían.