A CIG volve gañar as eleccións en Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas
A CIG volveu gañar as eleccións sindicais celebradas este venres, 8 de novembro, nas fábricas de Ferroatlántica de Cee e Dumbría e nas Centrais Hidroeléctricas, ao revalidar os seis delegados de persoal que tiña no comité de empresa -integrado por 13 membros- e incrementando o número de votos recibidos a pesar de rebaixarse o censo de electores/as, nun proceso marcado polo incerto momento que atravesan as fábricas e os empregos tras da venda ao fondo norteamericano TPG sen ningún tipo de garantías de continuidade.
Deste xeito, a CIG segue a ser a primeira forza na empresa, ao obter o 51.15% dos votos emitidos en ambos colexios (unha porcentaxe que se incrementa até case o 54% se contamos só o colexio de especialistas) e que supón sacar un 5% máis de apoios con respecto ás anteriores eleccións. Do total de 317 papeletas emitidas, a CIG obtivo 156 votos, fronte aos 94 de CGT e os 55 que recibiu a UGT. Houbo 8 papeletas en branco e 4 nulas.
Aval ao traballo sindical dos últimos catro anos
A sección sindical da CIG agradece a confianza depositada polos traballadores e as traballadoras nas súas candidaturas e considera que este resultado avala o traballo sindical desenvolvido nos últimos catro anos, nos que a central nacionalista encabezou (moitas veces en solitario) a loita na defensa dos empregos, a reivindicación de garantías de viabilidade das fábricas e que se cumpran as cláusulas concesionais de non segregación, a reclamación dunha tarifa para a industria electrointensiva, a denuncia da fraude do ERTE, ou contra da represión sindical.
Unha vez rematado o proceso de renovación do comité, a sección sindical da CIG reafirma o seu compromiso na defensa dos dereitos laborais e no mantemento dos postos de traballo e porase de inmediato a traballar na proposta dun novo calendario de actuacións co obxectivo de urxir da Xunta de Galiza que lle esixa á empresa o plan de viabilidade ao que obrigan as cláusulas concesionais.
Reivindicar o plan de viabilidade, obxectivo fundamental
As negativas consecuencias da venda especulativa entre o Grupo Villar Mir e TPG-Ithaka (cuxas condicións exactas segue sen coñecerse) xa se están a notar nas fábricas, que viron como se recortaba a produción e como se aprovisiona ás factorías da Cee e Dumbría con materias primas de mala calidade. Por iso, reivindicar o plan de viabilidade "é un obxectivo prioritario a curto prazo, porque para exixir melloras ten que haber fábricas e postos de traballo", conclúen.