A CIG volve á rúa para reclamar a intervención da Xunta en Barreras
“Barreras solución, Xunta implicación” volveu ser a consigna máis escoitada na nova mobilización que a CIG protagonizou hoxe diante das instalacións do estaleiro vigués. Dende a representación da central no comité de empresa advirten que cada vez queda menos tempo, polo que demandan unha dirección que poida negociar a débeda coas auxiliares que evite entrada en concurso de acredores.
Traballadores/as de Barreras e delegados/as sindicais da CIG concentráronse esta mañá ás portas da compañía na avenida de Beiramar para reclamar unha solución que garanta o mantemento da actividade industrial e de todos os postos de traballo.
Rafael Pérez Castro, delegado da CIG no comité, explicou que a central segue a mobilizarse en solitario xa que a situación da empresa continúa a ser moi delicada e os empregados/as non teñen ningunha confirmación de que vaia arranxarse a 10 días da entrada en concurso de acredores.
Por iso incidiu en que “mentres non se faga algo ao respecto e nos dean información fiábel e concreta imos seguir na rúa”, ao tempo que criticou que o outro día tivo lugar unha xuntanza do consello de administración “da que non sabemos absolutamente nada”.
Lembrou que na actualidade a única actividade que hai no estaleiro correspóndese con labores de mantemento das instalacións e do único buque que hai. “E cada vez somos menos traballadores/as, porque os contratos que rematan xa non se renovan, de xeito que hoxe en día quedamos arredor de 170”.
Pasividade da maioría do comité
A pesar disto, denunciou a Xunta segue sen implicarse, cando ten plenas competencias en materia industrial. “Nunca apareceron por aquí; o único que houbo foi unha xuntanza co Igape hai máis de dous meses e non volvemos ter contacto ningún”.
Neste senso, lamentou que a maioría do comité non queira mobilizarse para esixirlle ao Goberno galego que interveña, “por iso nós estamos a mobilizarnos, para que as Administracións, tanto a Xunta como o Estado, tomen partido na problemática do estaleiro”.
Finalmente, sinalou que nestes momentos é prioritario que a empresa teña unha dirección con capacidade de negociar a débeda coas auxiliares, que ronda os 30 millóns de euros, para poder saír do preconcurso, “pero cada vez queda menos tempo”.