A CIG volve á rúa para denunciar a cuarta morte en accidente laboral no Porriño no que vai de ano
A CIG de Vigo desenvolveu hoxe unha nova mobilización para denunciar a cuarta morte dun traballador en accidente laboral no Porriño no que vai de ano. Delegados/as da central concentráronse e percorreron a contorna das instalacións que a empresa Sólido Feed, á que pertencía o operario falecido, comparte con outra compañía no lugar de Vilafría, en Atios, para alertar que “a precariedade mata” e reclamar máis medidas de seguridade.
Dende a CIG insisten en que a elevada precariedade laboral, os altos ritmos de traballo e a falta de seguridade e de medidas de protección están detrás de boa parte dos accidentes laborais que se producen.
Por iso despregaron unha faixa co lema “A precariedade laboral mata” diante da empresa dedicada ao comercio de fariñas de peixe para alimentación animal e pensos na que o pasado luns 27 faleceu un operario.
Durante a protesta, que se prolongou por espazo dunha hora dende as 10:00 até as 11:00 horas, berraron consignas como “Emprego estábel e con seguridade” e “Accidente laboral, terrorismo patronal”.
Ao mesmo tempo, lembraron que se trata do cuarto accidente laboral con resultado de morte que se rexistra no Porriño no que vai de ano, polo que fixeron un chamamento ás empresas para que extremen a seguridade e a protección dos seus cadros de persoal.
“Seguiremos a esixir que se cumpran as medidas para garantir a integridade física dos traballadores/as e agardamos non ter que volver a mobilizarnos en lembranza dun compañeiro/a”.