A CIG-Vigo critica ‘Empregalia’ por converter o drama do desemprego nunha feira propagandística
A celebración dunha nova edición da denominada Feira do Emprego de Galicia, ‘Empregalia’, na cidade de Vigo é para a CIG unha “broma pesada”. Desde a central nacionalista critican a celebración deste evento, anunciado con promesas de centenares de postos de traballo, nun contexto no que os datos da última Enquisa de Poboación Activa (EPA), referidos ao cuarto trimestre de 2017, confirman a grave situación de emerxencia social, laboral e produtiva na comarca.
“É indignante que ao día seguinte de que se faga publico que no último trimestre se destruíron na cidade de Vigo 2600 postos de traballo teñamos que asistir unha vez máis ao espectáculo de ver como a Xunta converte o drama do desemprego e a precariedade nunha feira, nun acto de pura e dura propaganda”, denuncia o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberte Gonçalves. A central nacionalista xulga intolerábel que se “mercadee con promesas de emprego xogando coa desesperación de milleiros de persoas”.
A realidade palábel, a que viven as persoas de carne e óso e non as estatísticas, é que de recuperación nada de nada
Mudanza radical
A CIG reitera a necesidade urxente dunha mudanza radical nas políticas sociais, económicas e laborais do Partido Popular tanto na Xunta como no Goberno español. “A realidade palpábel, a que viven as persoas de carne e óso e non as estatísticas macroeconómicas é que de recuperación nada de nada, moi ao contrario. Vemos como 2017 rematou con 14.200 persoas menos traballando que as que había en 2009. Vemos como sectores chave como a industria ou a construción continúan estancados. É claro que hai que virar o rumbo completamente, porque as políticas da dereita española o único que lograron foi multiplicar o desemprego, xeneralizar a precariedade e alagar o empobrecemento”, asegura Gonçalves.
O secretario comarcal da CIG-Vigo fai, ademais, un chamamento expreso os traballadores/as, e especialmente ás persoas desempregadas, a sumarse á loita organizada. “Nunca nos regalaron nada á clase traballadora, temos que conquistar o noso dereito a vivirmos dignamente do noso traballo a través da loita e da mobilización”, enfatiza.