A CIG urxe os Gobernos español e galego a unha intervención pública directa no estaleiro Barreras
A CIG de Vigo trasladou hoxe publicamente a súa “enorme preocupación” pola “grave situación” que se está a vivir no estaleiro Barreras, ante a que urxe os Gobernos español e galego a unha intervención pública directa na empresa para garantir o futuro do naval. Ao mesmo tempo, anuncia a posta en marcha dunha campaña para demandar solucións para un sector fundamental para a comarca e estratéxico para o conxunto do país.
O secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, denunciou que despois de que o cruceiro 'Evrima' abandonase as instalacións de Barreras camiño de Santander para afrontar a última fase do proceso de construción, os traballadores/as atópanse sen carga de traballo e o persoal das empresas auxiliares xa abandonou o estaleiro. “Estanse a confirmar os peores presaxios, verificando que a opaca operación de cambio de propiedade e de dirección da compañía promovida por Ritz Carlton era unha saída en falso”.
Neste senso, sinala que tras rematar o preconcurso de acredores o estaleiro atópase novamente nunha disxuntiva que ameaza o seu futuro, “xa que a día de hoxe non hai ningún proxecto real en carteira, ningún novo pedido á vista; nin garantía de carga de traballo, polo tanto tampouco para o emprego directo e indirecto que xera Barreras”.
Gonçalves fai fincapé en que a situación do estaleiro é de vital importancia tendo en conta o papel que xoga no conxunto do sector naval da Ría de Vigo. “Por iso non podemos permitir que corra a mesma sorte que Vulcano; hai que garantir a súa continuidade para blindar o futuro do naval na cidade, como sector fundamental na industria da nosa comarca”.
Actuación urxente
Mais considera que a solución non pode seguir sendo inxectar “millóns e millóns de euros” en forma de avais ou financiamento, “xa que ao final non garanten a actividade nin serven para forzar a Barreras a cumprir coas súas obrigas coa industrial auxiliar e co seu persoal”.
Por iso, dende a CIG reclámanlle á Xunta de Galiza e ao Goberno español “que non miren cara a outro lado” e ínstanos a actuar de maneira urxente. “Diante das incertezas e da falta de seriedade do proxecto empresarial é o momento dunha intervención pública directa que asegure o futuro do estaleiro”. Entenden que a necesidade desta intervención faise máis evidente ca nunca ante o “desleixo total” do capital privado e a súa “nefasta xestión”, “polo que o futuro do naval de Vigo esixe poñer en marcha un estaleiro público ou semipúblico”.
En consecuencia, anuncian a posta en marcha dunha campaña de información, denuncia e reivindicación que incluirá unha axenda mobilizadora, “dende o convencemento de que non podemos ficar quietos/as mentres a irresponsabilidade do empresario de turno e a deixadez das Administracións poña en xogo o futuro de todo un sector”.