A CIG urxe desbloquear o expediente para o recoñecemento da xubilación anticipada ao persoal Gardacostas

A falta de actuación da Xunta de Galiza -que non se adheriu ao procedemento- e do Goberno español mantén paralizada a tramitación e perpetúa a discriminación deste colectivo
Nacional - 07 Abr 2026

A CIG volveu instar a activación do expediente para o recoñecemento de coeficientes redutores para o persoal do Servizo de Gardacostas de Galiza, reiterando a solicitude de reunión coa Dirección Xeral de Ordenación da Seguridade Social e pedindo tamén o amparo do Delegado do Goberno para que interveña e impulse unha tramitación que leva demasiado tempo paralizada.

O sector de Autonómica da CIG-Administración cualifica esta bloqueo de “inaceptábel”, despois de meses de esperar “a que a Xunta realizara a súa adhesión, logo que manifestara colaborar en comisión de seguimento”.

A CIG-Autonómica lembra que o persoal do Servizo de Gardacostas de Galiza realiza a súa actividade no mar, en condicións de especial dureza, pero non ten recoñecidos os coeficientes redutores para a xubilación anticipada que si se lle aplican a outros traballadores e traballadoras do mesmo ámbito. A situación foi exposta en múltiples ocasións, tanto no ámbito político como no administrativo, e mesmo chegou ao Congreso en dúas ocasións con propostas lexislativas directas (2017 e 2022) impulsadas pola CIG. 

As obrigas do mar, pero sen os dereitos do mar

Ao persoal de Gardacostas esíxenselle as mesmas condicións que ao persoal incluído no Réxime Especial do Mar: formación específica, recoñecementos médicos e requisitos para poder embarcar. Desenvolven funcións de inspección, salvamento e control en condicións de risco, e en moitos casos comparten medios e embarcacións con persoal que si está integrado nese réxime. 

Porén, polo feito de seren funcionarios e funcionarias quedan excluídos dos dereitos asociados a ese ámbito laboral. Entre eles, o acceso á xubilación anticipada mediante coeficientes redutores. 

A CIG-Autonómica salienta que non se trata só dunha cuestión de encadre xurídico, senón que ten consecuencias directas sobre a saúde do persoal, tanto do que embarca como do que desenvolve o seu traballo dende terra e porto. “O traballo implica desgaste físico continuado, exposición a condicións adversas e unha elevada esixencia ao longo do tempo. Co paso dos anos, ese desgaste acumúlase e agrávase, aumentando o risco de lesións e limitacións funcionais”, explican.

Aínda así, esta discriminación continúa prolongándose no tempo “e cada intento remata sen resultado e cada nova vía no mesmo punto de inacción”.  

Da vía política ao bloqueo administrativo: dous anos de silencio

Tras do fracaso das iniciativas lexislativas, indicouse que o procedemento adecuado era o previsto no Real Decreto 1698/2011. Esa vía iniciouse formalmente en abril de 2024, cumprindo cos requisitos estabelecidos e seguindo as indicacións da propia administración.

Porén, desde ese momento, non se produciu ningún avance. “Non existe comunicación oficial sobre o estado do expediente, non se solicitaron datos á administración empregadora e non se coñece ningunha actuación efectiva orientada a resolver a situación”, lamenta a CIG- Autonómica. 

A este respecto, sinalan á responsabilidade das dúas administracións implicadas: o Goberno estatal, que mantén o procedemento administrativo paralizado na Dirección Xeral de Ordenación da Seguridade Social; e a Xunta de Galiza, pois como administración empregadora é responsábel das condicións nas que traballa este persoal.

Aínda así, non ten materializado unha actuación efectiva, nin coa iniciativa nin finalmente coa adhesión formal ao procedemento iniciado, a pesar de terse manifestado favorábel á súa tramitación no marco da comisión de seguimento. O abandono da Xunta, engade a representación da CIG, tamén se nota noutras materias como o atraso en aprobar as melloras da orde de horarios ou en cubrir as vacantes e resolver procesos. 

Falta vontade política

O sector de Autonómica da CIG reitera que outros colectivos con condicións de traballo comparábeis xa teñen recoñecidos os coeficientes redutores e no caso do persoal Gardacostas non se trata de falta de marco legal, nin de ausencia de procedemento, nin tampouco por falta de loita e reivindicación. 

“O procedemento existe e está iniciado. As condicións de traballo están acreditadas, máis o que falta é actuar. Falla a vontade política das administracións”, afirman. Cada día que pasa “perpetúase unha discriminación coñecida e unha realidade que só require dunha decisión para ser resolta”.