A CIG urxe a inmediata definición das compensacións aos mariñeiros afectados polo veto da UE ante a actual incerteza
A CIG reclama a inmediata posta en marcha dun Plan de Compensación para a flota e os mariñeiros afectados a través dalgunha destas dúas vías:
- os plans que se teñen posto no seu día cando o amarre forzoso da flota durante a negociación dos Tratados de Pesca, como o caso do banco canario-Sahariano, ou
- a aprobación do mecanismo RED, establecido no artigo 47 bis do Estatuto dos Traballadores e Traballadoras, en calquera das súas modalidade.
Respecto da activación do mecanismo RED, Carril insiste en que é imprescindíbel garantir os ingresos da flota, así como que non se compute o desemprego consumido aos mariñeiros afectados.
Entende que o mecanismo debe ser aprobado de inmediato e cunha duración “até que se consiga poñer fin ao veto, ben pola vía da revisión do informe científico, que ten que ter lugar nas próximas semanas, ben porque coa interposición do recurso consigamos como medida cautelar a suspensión deste Regulamento”.
Falla de resposta das administración
O secretario xeral da CIG volve denunciar a falla de resposta das administracións, polo que se volverá dirixir ao Goberno español e ao Goberno galego para que tomen esta iniciativa da urxente defición das compensación. Nese sentido afirma que “a Xunta segue sen convocar o Consello Galego de Pesca, malia a importancia que ten a actual situación e as súas consecuencias”.
Xunto a isto reitera a necesidade de que se interpoñen recursos de forma complementaria e unificada, unha vez entre en vigor a norma. Asegura que “é incomprensible que a Xunta non estea traballando na elaboración do seu propio recurso, cando está lexitimada para facelo e debera facelo”.
Neste sentido volve facer un chamado para que as distintas entidades patronais e confrarías fagan o seu propio recurso para poñelos en común e aposta por fixar un calendario de mobilizacións en demanda do inmediato levantamento do veto para a flota galega.