A CIG urxe á FEGAMP a poñer data e hora para iniciar a negociación do Protocolo de prevención da violencia no SAF

Denuncia a “inacción” de Política Social e a “pasividade” da conselleira por “non exercer as súas competencias” na materia
Nacional - 06 Ago 2025

A CIG solicitou, tras do asasinato da traballadora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Porriño, Teresa dos Santos, unha xuntanza urxente das partes implicadas para avaliar o acontecido e acordar un protocolo para evitar que se repitan as tráxicas circunstancias daquela xornada. Transcorridos 7 días, onte martes, chegaron as respostas de Política Social e da FEGAMP.  

A central sindical valora moi criticamente o escrito remitido pola conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez, en resposta á solicitude da CIG da inmediata convocatoria das administracións -Xunta e concellos-, Inspección de Traballo, sindicatos e patronal do sector do SAF para negociar o protocolo de prevención da violencia neste servizo. Unha carta na que e se limita a comunicar que a Xunta de Galiza dá traslado da solicitude da CIG á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril denuncia, ante isto, a “inacción” da consellaría e a “absoluta pasividade” da conselleira que “abandona á súa sorte ás traballadoras non querendo exercer as súas competencias”. E denuncia tamén que o goberno galego “decide non facer nada por resolver a situación de risco grave inminente que sofren as traballadoras dos Servizos de Axuda no Fogar”.

Data e hora

Fronte a isto valora que a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), que celebrou onte unha xuntanza extraordinaria da súa Comisión Executiva, aprobara elaborar un protocolo coa participación de todas as partes implicadas.

A este respecto, Paulo Carril, salienta que a CIG conseguiu que se dera algún tipo de resposta, aínda que lamenta que sexa, porén, “totalmente insuficiente” porque non concreta cando se iniciarán os traballos para deseñar o protocolo. Por iso, urxe á FEGAMP a poñer data e hora á xuntanza da que, polo momento só se anunciou que se convocaría.