A CIG-Servizos urxe a investigar as irregularidades detectadas na piscina mancomunada do Val Miñor
A federación de Servizos da CIG reclámalle á comisión de investigación constituída pola Mancomunidade do Val Miñor o mércores pasado para comprobar as irregularidades denunciadas pola central na piscina mancomunada da Ramallosa que determine a responsabilidade de Serviocio, empresa que xestiona a instalación pública, á hora de facer competencia desleal en beneficio do complexo deportivo BeOne Monterreal, situado en Baiona.
O responsábel de negoación colectiva da CIG-Servizos, Pedro Pérez, insiste na denuncia feita pública nunha rolda de prensa celebrada recentemente xa que a empresa que xestiona a piscina mancomunada pública do Val Miñor “lonxe de dar marcha atrás nas prácticas desleais que está a levar a cabo dende hai 10 meses continúa cunha actitude que vai en detrimento da instalación pública, mesmo realizando contratos de traballo ao persoal de BeOne a cargo da piscina”.
Propaganda privada na piscina
Como exemplo, sinala que na práctica totalidade das instalacións que Serviocio xestiona no país é habitual que no mes de setembro se leve a cabo unha campaña de captación de socios/as que consiste en ofertar a matrícula gratis e novos servizos, que tamén son gratuítos para os novos/as socios/as. “Pois ben, na piscina mancomunada isto non se fai, nin ofertan a matrícula gratis nin novos servizos, algo que si se fai en BeOne para captar usuarios/as en detrimento da piscina pública”.
De feito, segundo sosteñen dende a central, chegaron ao punto de repartir propaganda do complexo deportivo privado nas inmediacións e mesmo na porta da piscina.
Diante disto, agardan que a comisión de investigación conformada polos alcaldes de Nigrán, Gondomar e Baiona faga un traballo exhaustivo para corroborar estas irregularidades e lle abra un expediente sancionador a Serviocio por malas prácticas empresariais. “Tamén lle solicitamos ao presidente da Mancomunidade e alcalde de Baiona, Ángel Rodal, que esta xestión sexa rápida e eficaz xa que a situación vai en detrimento dun servizo público e afecta tanto a usuarios/as como a traballadores/as”.