A CIG trasládalle ao comisario europeo de Enerxía a proposta para a creación dunha tarifa industrial estábel e predicíbel
Unha delegación da CIG integrada por responsábeis sindicais e delegados da central nas fábricas de Alcoa en San Cibrao e A Coruña, trasladouse este luns a Bruxelas para tratar co comisario europeo de Enerxía e Acción para o Clima, Miguel Arias Cañete, a grave problemática que enfronta a industria electrointensiva a causa do elevado prezo da enerxía e demandar da Unión Europea a posta de marcha dos mecanismos necesarios para darlle solucións.
A delegación da CIG estivo encabezada polo secretario xeral, Paulo Carril, quen subliñou o feito "insólito" que o comisario europeo amosara máis interese e recibira aos representantes da central nacionalista con maior celeridade que a Ministra de Transición Enerxética, o conselleiro de Industria ou administración galega, "que aínda non responderon ás nosas solicitudes para reunirnos".
Ademais, de Paulo Carril, por parte da CIG asistiron o secretario nacional da Federación de Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi, o delegado da CIG en Alcoa A Coruña, Julio Moskowich, o presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, Xosé Paleo, e Xosé Manuel Golpe, experto en enerxía e mercado eléctrico. Tamén participou a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, a través de quen se xestionou este encontro en Bruxelas.
Carril explicou que se pediu a reunión para coñecer de primeira man que medidas estuda a Unión Europea a respecto da industria gran consumidora de enerxía e presentarlle ao responsábel europeo a proposta da CIG para a creación dunha tarifa industrial estábel e predicíbel á que se poidan acoller as industrias electrointensivas, situándoa no marco da grave problemática que atravesan este tipo de empresas a causa do elevado prezo da enerxía.
Carril valorou positivamente o resultado da xuntanza, “que deixa varias portas abertas para definir unha tarifa industial estábel, xusta e viábel para a industia electrointensiva e que permita o mentemento dos postos de traballo en Alcoa”.
Consecuencias nefastas da poxa de interrumpibilidade
Neste senso, referiuse ao "nefasto" resultado da poxa do sistema de interrumpibilidade realizado a pasada semana, que está a derivar en anuncio de expedientes de regulación de emprego en máis empresas electrointensivas.
O secretario xeral da CIG subliñou que até o momento as medidas adoptadas polo Goberno español para garantir a viabilidade e o futuro destas industrias "son papel mollado que non resolve nada". Engadiu que as propostas recollidas no Real Decreto 20/2018 para o sector electrointesivo resultan "insuficientes e lentas para estar a altura das circunstancias ante a grave situación da industria, particularmente no caso de Alcoa".
Para Carril, o Executivo español debe presentar propostas con prazos e partidas concretas, a efectivizar de inmediato a través dos Orzamentos Xerais do Estado para 2019. Así, indicou, as próximas contas poderían recoller unha modificación do sistema de tarifas para as industrias electrointensivas, liberándoas de pagar as peaxes que non teñan unha relación directa co funcionamento do sistema, que pasarían a asumirse polos Orzamentos estatais; e ao tempo dar a máxima compensación permitida pola UE, por C02. A cambio, as empresas deben, entre outras cuestións, garantir a produción, os niveis de emprego e os salarios.
O máximo responsábel da CIG asegurou que "sería un delito" que se permitira a destrución de postos de traballo e o desmantelamento do tecido produtivo a causa do prezo da electricidade "nun país como Galiza, gran produtora e exportadora de enerxía". Dende a CIG reclámase á Unión Europa axilidade para a creación dun marco da enerxía que permita e existencia dunha tarifa industrial estábel, predicíbel e competitiva.
A CIG demanda que se recoñeza o carácter estratéxico do aluminio
A CIG aproveitou o encontro con Arias Cañete para demandar da Comisión a posta en marcha de todos os mecanismos posíbeis para que a normativa europea facilite unha solución á industria electrointensiva na liña defendida pola CIG, pero tamén para reclamar que se defina o aluminio como un sector estratéxico "porque así o é para a economía galega e debería ter esta consideración tamén a nivel europeo, co que isto supón de vantaxes no ámbito enerxético, comercial, fiscal, etc.", afirmou Carril.