A CIG trasládalle a súa solidariedade aos afectados e ás familias dos mariñeiros do pesqueiro galego afundido en Terranova
A CIG trasladou hoxe publicamente a súa solidariedade cos superviventes e coas familias dos mariñeiros falecidos e desaparecidos no naufraxio do pesqueiro galego que tivo lugar no día de onte en augas de Terranova, ao tempo que manifesta o seu pesar polo acontecido e agarda que “máis pronto que tarde” se poidan atopar as persoas desaparecidas ou recuperar os seus corpos.
Dende a central sindical lamentan que unha vez máis a comarca do Morrazo e o conxunto do país son golpeados por unha traxedia no mar, que nesta ocasión afecta a 21 tripulantes e ás súas familias.
Neste senso, lembran que o sector levaba tempo sen rexistrar un accidente desta magnitude, porén sinalan que de xeito cíclico os mariñeiros padecen este tipo de desgrazas, “sobre todo nunha zona tan perigosa como na que tivo lugar o afundimento do barco con base no porto de Marín”.
Ao mesmo tempo, agardan que “máis pronto que tarde” se poidan atopar as persoas que permanecen desaparecidas ou en todo caso os seus corpos.
O acontecido está a causar unha fonda conmoción en toda Galiza, especialmente na comarca do Morrazo, onde residía boa parte da tripulación afectada.
Até o punto de que colectivos como a Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo decidiu adiar a manifestación prevista para este sábado 20 -que xa tivo que ser suspendida con anterioridade debido ao mal tempo- “como mostra de respecto a todos os veciños que perderon a vida nesta traxedia e aos seus seres queridos”.