A CIG traslada toda a súa solidariedade co pobo saharauí ante a grave situación no Guerguerat
Logo de ter concentrado as súas tropas militares ao longo do 'muro da vergoña', na zona achegada á franxa ilegal do Guerguerat (no sur do Sahara Occidental), en clara violación das cláusulas do Acordo Militar nº1, as forzas de ocupación marroquís comezaron, dende a noite do pasado día 8, unha operación de traslado a grande escalade efectivos do exército, a xendarmería e outros aparatos de seguridade á zona.
Segundo informacións das fontes presentes no lugar, as forzas de ocupación marroquís están camuflando estes grupos, vestíndoos con roupa civil, diante da mirada da propia MINURSO, co obxectivo de entrar na “zona de separación” e atacar a poboación civil saharauí, presente na zona dende hai máis de dúas semanas en protesta pacífica contra a franxa ilegal de El Guerguerat e para demandar a celebración do comprometido referendo de autodeterminación.
Diante disto, o Goberno Saharauí reitera, unha vez máis, que a irrupción de calquera elemento marroquí, sexa militar, de seguridade ou civil nesta zona liberada da República Árabe Saharauí Democrática (RASD), coñecida como “zona de separación”, será considerada unha agresión flagrante á que a parte saharauí responderá con firmeza, en lexítima defensa da soberanía nacional. Suporá, así mesmo, a fin do alto ao fogo pactado en 1991 e abrirá a porta ao estoupido dunha nova guerra total na rexión.
Responsabilidade internacional
O Goberno saharauí responsabiliza a ONU, e en especial o Consello de Seguridade, do coidado da integridade física da poboación civil saharauí alí presente, que se atopen fronte ao perigo dunha inminente agresión militar perpetrada por militares marroquís encubertos de civís. Isto constitúe unha ameaza real que pode rematar nunha masacre de cidadáns e cidadás saharauís, a quen lles asiste o pleno dereito de manifestarse na defensa dos seus dereitos como pobo, á autodeterminación e á independencia.
Desde a CIG, esiximos ao Goberno de Marrocos o cese inmediato destas hostilidades e aos organismos internacionais que fagan cumprir o dereito internacional e poñan en marcha, dunha vez por todas, o proceso acordado de referendo para que o pobo saharauí poida exercer o seu dereito de autodeterminación e Marrocos respecte os seus dereitos territoriais e humanos.
Desde Galiza, toda a nosa solidariedade coa RASD e co pobo saharauí!
A Coruña, 10 de novembro de 2020
Dpto. de Relacións Internacionais da CIG.