A CIG traslada o seu profundo pesar polo falecemento de Agustín Malvido, figura clave do sindicalismo nacionalista
A Confederación Intersindical Galega (CIG) expresa o seu profundo pesar polo falecemento de Agustín Malvido Broullón, figura clave do sindicalismo nacionalista dende a súa afiliación ao Sindicato Obreiro Galego (SOG) en 1976. Dende a central queren recoñecer publicamente a súa longa traxectoria sindical, social e política no eido do nacionalismo galego, ao tempo que lle trasladan o seu máis sincero afecto á familia e amizades do finado.
Fillo de Agustín (mariñeiro) e de Josefa (conserveira), naceu en Cangas do Morrazo en outubro de 1928. Quedou orfo aos catro anos, trasladándose aos oito a Vigo, onde en 1940, con 12 anos, entrou a traballar como botóns no real Club Náutico. Despois fíxoo como aprendiz na fábrica de Álvarez, e en Vidrios de La Florida en 1944, empresa na que permaneceu até o seu peche en 1978. Neste tempo foi enlace sindical, experiencia que lle serviría despois para axudar a desenvolver as primeiras organizacións sindicais nacionalistas da comarca.
En 1976 afíliase ao SOG, sendo responsábel de negociación colectiva. Catro anos despois foi elixido secretario comarcal da ING, cargo que continuou exercendo na INTG, na CXTG e na CIG até decembro de 1997, cando se xubilou. De feito, foi o primeiro secretario comarcal da CIG de Vigo tras a unificación, sendo un dos alicerces básicos no nacemento, crecemento e consolidación do sindicalismo nacionalista tanto na bisbarra como no conxunto do país.
Até o seu pasamento mantivo unha relación constante coa CIG, con visitas periódicas ás instalacións do sindicato, e participou activamente nas principais mobilizacións convocadas na cidade pola central. Ao longo da súa vida tamén tivo tempo para a militancia política, sempre da man do nacionalismo. En 1998 foi nomeado Vigués Distinguido en recoñecemento da súa tarxectoria.
Dende a CIG trasladan publicamente o seu afecto á familia e amizades do finado, así como o seu máis sincero agradecemento pola enorme contribución de Agustín Malvido á causa da clase obreira galega e dunha Galiza ceibe e sen explotación.
Que a terra che sexa leve, compañeiro!