A CIG traslada o fondo pesar polo pasamento de Maite Caramés, cofundadora da UTEG e pioneira do sindicalismo nacionalista no ensino

Este mércores,12 de agosto, será despedida ás seis da tarde no cemiterio de San Andrés de Xeve, en Pontevedra
Nacional - 12 Ago 2026

A CIG quere trasladar o pesar polo pasamento de Maite Carmés, unha das primeiras mulleres que axudou a construír o xerme do que hoxe é o sindicato maioritario en Galiza e á que se lle rendeu unha homenaxe en 2025 por mor do 50 aniversario da fundación da UTEG.

Maite Caramés participou activamente na loita pola estabilidade do Profesorado Non Numerario (PNN), similar ao profesorado interino actual, pola renovación pedagóxica participando nas xornadas de Maceda censuradas polo franquismo e pola presenza das mulleres en todos os eidos, "que eran maioría no ensino e sen as que non tería sido posíbel" a creación do primeiro sindicato nacionalista galego hai agora 52 anos.

Docente de Secundaria, o seu nome aparecía nas listaxes de persoas ás que querían asasinar os golpistas do 23 F, polo que se vai unha das persoas que arriscou a súa vida, o seu traballo e a súa liberdade pola construción da nación galega. Este mércores, día 12 de agosto, será despedida ás seis da tarde no cemiterio de San Andrés de Xeve, en Pontevedra.

Maite Caramés, unha das mulleres pioneiras e referentes do nacionalismo galego, faleceu onte despois dunha vida intensa e de ter participado na fundación da UTEG, o primeiro sindicato nacionalista que deu paso despois ao que hoxe é a federación de Ensino na CIG.

No ano 2025 publicouse o documental "Facermos parte, 50 anos de sindicalismo nacionalista", no que Maite foi unha das voces fundadoras que se recuperaron daquela época histórica na que moitos mestres e mestras e docentes de Secundaria e da Universidarde arriscaron a súa vida, o seu posto de traballo e a súa liberdade por avanzar na construción de Galiza como nación desde o ámbito do ensino.

Na súa intervención no documental, Caramés lembraba especialmente a súa participación activa na loita pola estabilidade do Profesorado Non Numerario (PNN), ao que lle facían contratos anuais, con peores condicións laborais e en "zonas menos apetecíbeis" e que era a maioría do existente naqueles anos. Froito das mobilizacións deste colectivo, chegando a realizarse unha folga de fame no ano 1976 e manifestacións multitudinarias despois do despedimento de varios PNN nas universidades, conseguiuse que se organizasen unhas oposicións restrinxidas para darlle estabilidade a este profesorado.

O papel das mulleres na clandestinidade

Caramés foi tamén unha das primeiras mulleres que se involucrou activamente na militancia sindical nun sector maioritariamente feminizado, pero no que estas traballaban sobre todo na parte máis oculta, elaborando e repartindo panfletos e organizando xornadas, como as que foran censuradas e reprimidas pola policía en Maceda e das que gardaba un recordo especialmente relevante.

Precisamente naqueles anos a loita pola renovación pedagóxica e pola galeguización do ensino, tanto no uso do galego como lingua vehicular como tamén na introdución de contidos curriculares sobre a nosa cultura e identidade marcaron tamén a acción sindical da UTEG.

A CIG agradece a súa contribución para poñer os alicerces do que hoxe é a Confederación Intersindical Galega, a central maioritaria en Galiza, e para abrir camiño a moitas mulleres que deron un paso á fronte no sindicato en tempos de clandestinidade e de loita contra a ditadura franquista.

Tal e como se fixo público recentemente, o seu nome era un dos que aparecían como obxectivos "fusilábeis" polos golpistas do 23F coa anotación: profesora de instituto en Vigo e nacionalista radical. Grazas ao "compromiso nacionalista radical" de persoas coma Maite Caramés, o pobo galego é hoxe máis libre e combativo e avanza cara a súa ansiada soberanía.