A CIG traslada o acto central do 1º de Maio a Lugo en resposta á deriva autoritaria do PP
A Confederación Intersindical Galega (CIG) comunica o traslado do seu acto central do Primeiro de Maio á cidade de Lugo en resposta á deriva “autoritaria e golpista” do Partido Popular, “que vén de dar un paso máis nas súas actitudes antidemocráticas asaltando o Goberno municipal cunha moción de censura nuns termos inaceptábeis”. A central sindical entende que no actual contexto do medre do fascismo non pode quedar impasíbel ante este novo intento do PP de seguir escalando no proceso autoritario e na imposición de políticas inxustas que o levou a institucionalizar o diálogo social, anular a representatividade da CIG con carácter xeral e nas mesas sectoriais, promover cambios no TSXG, exercer un férreo control sobre os medios de comunicación públicos, etc.
A central sindical adoptou esta decisión ante a situación social de “especial gravidade” que se vive en Galiza como consecuencia do aumento destas actitudes “autoritarias, antidemocráticas e golpistas” dun PP que está a aplicar un paquete de medidas de control social e de recorte de dereitos, cuxos exemplos máis recentes son o plan para o control e a criminalización das baixas médicas -culpabilizando a clase traballadora por caer enferma- ou o decreto de institucionalización do chamado diálogo social, nun intento de limitar a acción da maior organización sindical do país como é a CIG.
Non imos quedar mirando como se avanza cara ao fascismo
“Non imos quedar mirando como se conculcan os dereitos da maioría social e se afonda nun proceso que avanza cara ao autoritarismo de corte fascista, polo que facemos un chamamento á clase traballadora galega a tomar as rúas este Primeiro de Maio participando nas 20 mobilizacións que a CIG ten convocadas por todo o país”, sinala o secretario xeral da central nacionalista, Paulo Carril, que participará na manifestación central que terá lugar en Lugo.