A CIG traslada as súas propostas para garantir a solvencia do Fondo de Reserva da Seguridade Social
Na 29ª reunión da Comisión de Seguimento do Fondo de Reserva da Seguridade Social, celebrada hoxe na sede do Ministerio Inclusión, Seguridade Social e Migracións, en Madrid, a CIG incidiu na necesidade de que o sistema volva dotarse cos excedentes das entidades xestoras e puxo enriba da mesa as súas propostas para garantir a solvencia do denominado "peto das pensións".
Dende o ano 2023 (cando se retomaron as xuntanzas da Comisión tras case seis anos sen reunirse), o Fondo estase a nutrir dos ingresos que proveñen do mecanismo de Equidade Interxeracional (MEI) e dos excedentes das mutuas. Na actualidade, segundo informou o Ministerio, ten máis de 7.000 millóns de euros e as previsións son que a final de ano supere os 9.000 millóns.
O secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío, que asistiu en representación da CIG, lembrou que o Fondo de Reserva foi saqueado dende 2012, cando tiña 66.815 millóns de euros, até o ano 2020, principalmente polo Goberno do PP de Rajoy, "aínda que tamén o PSOE de Sánchez en 2018 e 2019 fixo uso del, baleirándoo".
González Sío amosouse moi crítico coa reforma dos sistema de pensións que introduciu o MEI porque son as propias persoas traballadoras, mediante a redución dos seus salarios coas cotizacións, as que teñen que facer as achegas ao Fondo sen atender a outras ineficiencias do sistema, que a CIG lle trasladou ao secretario de Estado de Seguridade Social, a persoa encargada de presidir a Comisión.
A precariedade no emprego lastra as cotizacións
A central incidiu na necesidade de que o sistema volva dotarse cos excedentes das entidades xestoras “ou o que é o mesmo: que a Seguridade Social volva ser excedentaria". Advirte que aínda que medra a contratación, os gastos do sistema seguen a ser maiores que os ingresos "porque a mala calidade do emprego que se está a crear impide trasladar recursos mediante cotizacións. Mellorar os salarios e, polo tanto, as cotizacións, é a única maneira de garantir os ingresos á Seguridade Social”.
O traslado de rendas do traballo ao capital coa crise de 2008 produciu unha caída do peso das cotizacións sobre o PIB, "e esa caída non se recuperou como consecuencia da mala calidade do emprego e a precariedade".
Neste senso, o representante da CIG propuxo varias medidas para que o sistema de Seguridade Social volva ser excedentario "como o era antes da crise". A primeira, pasa polo cumprimento da Carta Social Europea con respecto ao SMI, que ten que ser o 60% do salario medio no Estado español, polo que habería que elevalo até os 1.293 euros. Xunto a isto, rematar coas horas extraordinarias non retribuídas, que na actualidade cífranse en 2,5 millóns á semana, supoñendo unha perda moi importante nas cotizacións. E aumentar as cotizacións do tipo xeral para desincentivar a parcialidade no emprego, sexa na contratación a tempo parcial ou na fixa descontinua.
A respecto da aplicación dos plans de pensións de emprego na negociación colectiva e da privatización do sistema público de pensións, a CIG preguntou se o Ministerio ten cuantificado cal vai ser a perda de ingresos derivada da privatización dunha parte dos ingresos da clase traballadora para investir no capital privado. "Reclamámoslle tamén accións para paliar a perda de emprego producida pola dixitalización e robotización da economía, e os efectos que poida ter na cotización, no sentido de que ese aumento da produtividade nas empresas ten que supoñer un cambio nas cotizacións das empresas que destrúan emprego para que o sistema non se vexa penalizado", apuntou González Sío.
Dereito a unha xubilación e unhas pensións dignas
O secretario de Estado respondeu de forma crítica ás propostas da CIG e amosouse en desacordo coa postura da central, "xa que mantén que o sistema se está a reforzar e que se está a crear emprego de calidade". Sostivo que a partir de 2023 existe unha xestión distinta do Fondo á hora de botar man dos seus recursos e criticou a xestión do Goberno do PP de Rajoy, “unha postura cínica tendo en conta que a xestión do actual Goberno foi tamén prexudicial para o Fondo, e agora coas sucesivas reformas laborais o que fixeron foi debilitar o sistema público de pensións e dificultar o acceso a unha xubilación digna, tanto en contía como en idade”.
Neste senso, a CIG denuncia que se está a negociar no “diálogo social” a imposibilidade da xubilación parcial ao 61 anos a toda a clase traballadora (na actualidade só está vixente para a industria manufactureira), demorando ademais o seu acceso aos 63 anos. A central aposta por retornar á xubilación aos 65 anos e non aos 67; que sexa voluntaria para aquelas persoas traballadoras que a calquera idade teñan acreditado 35 anos de cotización á Seguridade Social; e unha mellora que permita o acceso á xubilación a través de coeficientes redutores a moitas profesións perigosos, tóxicas e penosas, como construción o transporte de viaxeiros/as e de mercadorías ou as actividades sanitarias e sociosanitarias.