
A CIG traslada ao conselleiro de Sanidade o empeoramento das relacións e a parálise da Mesa Sectorial

A CIG-Saúde trasladoulle hoxe ao Conselleiro de Sanidade o empeoramento das relacións coa Consellería de Sanidade e a Dirección do SERGAS, e a parálise da Mesa Sectorial.
Segundo explica o secretario nacional de CIG-Saúde, Manuel G. Moreira, a maioría dos temas tratados, no último ano, carecen de impacto real nas condicións laborais das persoas traballadoras, mentres que cuestións chave como os decretos de provisión, de reforma da Atención Primaria ou os Plans de Ordenación de recursos humanos nin sequera se abordan.
CIG-Saúde manifestoulle tamén que, para que a Mesa Sectorial sexa produtiva, “precisamos que participen as persoas que teñen capacidade de negociar e marxe para decidir sobre os temas que tratamos”.
O sindicato denunciou que a Consellería está a tomar decisións “á marxe da Mesa, mesmo negociando con organizacións, entidades e colectivos sen representación na mesma”.
A CIG-Saúde reclama un cambio na dinámica de traballo e na relación coas organizacións sindicais.
Advirte, ademais que de non producirse avances nas vindeiras Mesas Sectoriais, CIG-Saúde tomará as medidas de presión oportunas.