A CIG traslada a súa solidariedade co pobo cubano e pide a fin do bloqueo imposto polos EEUU
Diante da presentación nos vindeiros días, por 27ª ocasión consecutiva, na Asemblea Xeral das Nacións Unidas, do informe de Cuba en contra do bloqueo económico, financeiro e comercial que lles segue impoñendo de xeito unilateral o Goberno dos Estados Unidos, a CIG traslada toda a súa solidariedade co pobo cubano e condena esta política de inxerencia inxusta, cruel, xenocida, imperialista e de violación dos dereitos humanos. Unha política moi habitual na estratexia internacional dos EEUU e que está amparada por outros estados aliados, entre eles os da propia UE e o Estado español.
Este bloqueo impide elevar plenamente os niveis de produción, os servizos, e acadar un desenvolvemento próspero e sostíbel do pobo cubano. Dende a central sindical faise un chamamento a manifestarse e loitar contra esta e outras inxustizas que se cometen no mundo, a mans do imperialismo e na defensa dos intereses do capital transnacional.
Os danos acumulados polo bloqueo durante case seis décadas de aplicación acadan a cifra de 933.678 millóns de dólares, tomando en conta a depreciación do dólar fronte ao valor do ouro no mercado internacional. A prezos correntes, o bloqueo ten provocado prexuízos cuantificábeis por máis de cento trinta e catro mil catrocentos noventa e nove millóns oitocentos mil dólares.
Violación dos dereitos humanos
Segundo trasladan os compañeiros e compañeiras da CTC, os/as traballadores/as cubanos/as consideran que o bloqueo constitúe unha violación dos dereitos humanos e o principal obstáculo para o seu desenvolvemento, e na súa condición de creadores/as das riquezas, seguirán adiante na busca de solucións ás dificultades,“até converter cada centro e posto de traballo en bastión inexpugnábel que, aínda nas circunstancias máis adversas, seguirá cumprindo co seu deber internacionalista, e berrando a súa voz na defensa da xustiza en calquera lugar do mundo”.
Coa chegada do presidente Donald Trump, Estados Unidos retomou a estratexia de recruecemento do bloqueo e incrementou a presión contra Cuba, aspectos que demostran a hostilidade da súa política. Por esa razón debemos condenar a guerra económica que se lle está a facer e pedimos o cese do bloqueo por parte dos gobernos que o levan a cabo, a non inxerencia nos asuntos internos de Cuba e as políticas que os seus gobernos decidan aplicar, e que se permita o seu normal desenvolvemento económico, poñendo fin ao seu sufrimento e padecemento de necesidades por causas alleas aos seus propios recursos.
Pedimos aos e ás representantes nas Nacións Unidas que, dunha vez por todas, voten xa contra o bloqueo a Cuba.