A CIG traslada a súa solidariedade ao presidente da PIT-CNT de Uruguay, Marcelo Abdala
Diante das últimas novas que revelan o uso das cámaras de seguridade do Ministerio do Interior uruguaio por parte do ex xefe da seguridade presidencial Alejando Astesiano, (xa coñecido polos casos de falsificación de pasaportes), co obxectivo de facer un seguimento ilegal do compañeiro Marcelo Abdalá, presidente da PIT-CNT, a CIG quere trasladar todo o seu apoio e solidariedade. De igual xeito, apoia a decisión do secretariado do sindicato uruguaio de levar adiante accións políticas e/ou xurídicas por estes graves acontecementos, e agarda que se depuren responsabilidades no seo do Goberno.
Accións como esta poñen en cuestión a democracia, o respecto polos dereitos cívicos e as liberdades públicas por parte do actual Goberno de Luis Lacalle Pou, máis aínda coas últimas revelacións das conversacións de Astesiano co subdirector da policía, Jorge Berriel, e con Nicolás Martínez, secretario privado do presidente da República. Estes feitos traen á memoria tempos escuros do pasado nos que o país estaba baixo a ditadura.
Tal e como manifesta no seu comunicado o secretariado da PIT-CNT, "o seguimento ilexítimo a un militante sindical, como a calquera cidadán/á para o seu prexuízo, representa un feito de altísima gravidade e pon en xaque as mellores tradicións do país, xa que se utilizan para estes fins os recursos e instrumentos do Estado cunha finalidade espúrea e en total contradición co interese xeral que debe orientar a acción do persoal funcionario do Goberno. Este episodio inscríbese nunha sucesión escandalosa de presuntos seguimentos ilexítimos e de uso dos recursos públicos para fins persoais ou políticos".
Alén do respecto polas liberdades individuais da cidadanía, non se pode consentir esta persecución e acoso contra líderes sociais e/ou sindicais.
Por iso, dende Galiza, todo o apoio da CIG.