A CIG solidarízase con Lula diante da última condena ditada contra del
A CIG quere amosar a súa solidariedade con Luiz Inácio da Silva 'Lula', diante da última condena ditada contra del, nun paso máis do proceso de secuestro para a consolidación dun goberno fascista no Brasil.
O pasado día 6 de febreiro, a xuíza substituta do xuíz Sérgio Moro, Gabriela Hardt, apresurouse a ditar outra sentenza condenatoria contra Lula, polo caso coñecido como "sitio de Atibaia", a poucos días de que o seu posto fora ocupado polo xuíz titular.
A Lula téñenlle medo, non só os actuais mandatarios do Brasil e a oligarquía que os impulsou ao poder, pois saben que con Lula en liberdade, o pobo brasileiro daríalle o seu apoio maioritario"
Unha sentenza e un proceso cheo, ao igual que os anteriores, de múltiples irregularidades e erros xurídicos escandalosos: condenar a Lula por corrupción pasiva cando el non estaba exercendo un cargo público na data dos feitos, tratar a Léo Pinheiro e a José Aldemário coma se fosen dúas persoas diferentes, cando en realidade son dous xeitos de chamar a mesma persoa, o empresario, criminal confeso e delator José Aldemário Pinheiro Filho, e condenar a Lula por corrupción en Petrobras, nun caso que non ten conexión algunha cos desvíos de cartas na petroleira estatal.
Unha auténtica farsa como foi a do proceso levado a cabo anteriormente polo tribunal de excepción do Lava Jato (TRF4) o 24 de xaneiro de 2018 e a sentenza final do xuíz Moro, ben recompensado polo novo presidente fascista Jair Bolsonaro, e que levou á cadea a Lula o 7 de abril do 2018.
Xa daquela, desde a CIG condenamos e participamos en múltiples campañas e mobilizacións contra un proceso que só tiña a clara intención de evitar que Lula se presentara ás eleccións presidenciais de outubro pasado, dado que todas as enquisas apuntaban a un amplo triunfo e apoio popular, a pesares da escandalosa campaña mediática de desprestixio contra el e o PT, levada a cabo pola oligarquía do país e o apoio dos grandes medios de comunicación ao seu servizo, sen menosprezar tamén, por suposto, as presións e inxerencias internacionais das grandes potencias imperialistas, cos EEUU á cabeza, o Estado de Israel e sectores conservadores de grande influencia como a Igrexa Evanxélica.
Esta nova condena (Lula aínda ten outros seis procesos pendentes) segue nesa estratexia de persecución contra o expresidente e os seus dereitos fundamentais: privación do dereito a asistir aos funerais dos seus familiares directos finados, do dereito a votar (e así, a ser elixido), privación da liberdade de expresión, do dereito a manifestarse ou conceder entrevistas, etc. Todo isto en contra do Comité de Dereitos Humanos das Nacións Unidas.
A Lula téñenlle medo, non só os actuais mandatarios do Brasil e a oligarquía que os impulsou ao poder, pois saben que con Lula en liberdade o pobo brasileiro daríalle o seu apoio maioritario, incluso despois do "golpe" contra a lexítima presidenta, Dilma Rousseff, e de todas as falsidades vertidas contra el para intentar desacreditar a súa imaxe.
A nosa solidariedade desde Galiza con Lula e a súa xente, e o noso apoio para as organizacións que se mobilizan para que se faga xustiza e na defensa das clases populares"
A Lula téñenlle medo tamén polo que significaría, igual que xa o fixo no pasado, como referencia política en Latinoamérica, na defensa da soberanía do seu país, contra o intervencionismo das grandes potencias e o capital transnacional, e como exemplo de políticas máis enfocadas á defensa da maioría social. Logo da chegada das políticas neoliberais a Brasil e a outros países da zona, outrora "rebeldes", e as presións exercidas actualmente sobre Venezuela, Lula sería un estorbo para os plans coloniais e económicos do capital e o imperio ianqui.
Vaia por todo isto toda a nosa solidariedade desde a Galiza co propio Lula e a súa xente, e todo o noso apoio para as organizacións amigas que, como a CUT, se mobilizan para que se faga xustiza en demanda dos seus dereitos e na defensa das clases populares, e saiban que poden contar coa CIG en ditas campañas, como xa o fixemos para solicitar o Premio Nobel da Paz para Lula.
A Coruña, a 13 de febreiro de 2019