A CIG traslada a Ourense as protestas contra os despidos e a represión laboral e sindical en Mercadona
A CIG-Servizos trasladou este xoves a Ourense as mobilizacións para rexeitar os despidos e a represión laboral e sindical en Mercadona, tras a protesta que tivo lugar en Verín o pasado 18 de maio. Un grupo de traballadoras/es e de delegadas/os desenvolveu unha concentración ao mediodía ás portas do establecemento das Lagoas despois de que a empresa lle comunicase á cabeza de lista da central nas eleccións sindicais que a cambia de centro de traballo tras 17 anos no mesmo.
Dende a CIG denuncian que a dirección de Mercadona continúa coa campaña de despidos, acoso, abusos, persecución e coaccións contra o cadro persoal, obrigando incluso a traballadoras/es enfermas/os ou lesionadas/os a acudir aos seus postos, ademais de impedir a conciliación da vida familiar e utilizar a prima de beneficios como premio ou castigo.
Tras a protesta celebrada o pasado 18 de maio diante do supermercado da marca en Verín a empresa comunicoulle á cabeza de lista da central nas pasadas eleccións sindicais que á volta das vacacións será trasladada a outra tenda, tras 17 anos no mesmo establecemento. Ademais, foi amoestada mediante as famosas actas de “reprimenda ou compromiso” que usa a compañía para avaliar o persoal e que xa lle custou unha sanción da Inspección de Traballo na Coruña por infracción grave.
Con esta actitude a empresa fomenta un clima laboral de abuso, persecución e acoso ás traballadoras/es que reclaman os seus dereitos. Ademais, en moitos casos as empregadas/os son obrigadas/os a acudir ao seus postos a pesar de atoparse enfermas/os ou lesionadas/os. “Así esteamos a piques de morrer, obrígannos a traballar, agredíndonos psicoloxicamente e vulnerando os nosos dereitos”, sosteñen as afectadas/os.
Problemas físicos que en moitas casos son consecuencia dos altos ritmos e das quendas de traballo impostas, “que son inaceptábeis e que nos producen graves lesións que non se producen noutras empresas do mesmo sector”. Ao que hai que engadir que o persoal está sometido a valoracións continuas para poder cobrar unha prima que a empresa ofrece en caso de obter beneficios, “pero que nos quita cando lle vén en gana como castigo”. De igual xeito que ataca a quen reclama os seus dereitos.
“E se as persoas afectadas deciden levar ao xulgado as inxustizas que comete a empresa intentan calarnos dándonos unha miseria económica que no caso de que non aceptemos aumentan para non ter que ir a xuízo”. Todo isto acompañado de cláusulas de confidencialidade para que, unha vez que estean fóra da empresa, non poidan criticala publicamente.
Finalmente, sinalan que Mercadona atenta tamén contra os dereitos individuais ao coaccionar para que o persoal oculte as tatuaxes e os piercings que teña en zonas visíbeis. E impide a conciliación da vida persoal, familiar e laboral “mentres vende que ofrece medidas de conciliación pioneiras para favorecer en todo momento o noso benestar”.