A CIG-TIC rexeita o convenio estatal de Consultorías que CCOO e UGT van asinar coa patronal
A CIG-TIC amosou hoxe o seu rexeitamento ao preacordo de convenio estatal de Consultorías que presumibelmente van asinar este mércores CCOO e UGT coa patronal do sector, xa que o contido do documento foi filtrado por erro ao resto de sindicatos presentes na mesa de negociación.
“A mesa negociadora do XVIII convenio estatal de Consultorías que se celebra mañá a partir das 9:00 horas vai chegar a un preacordo. Nin somos adiviños/as nin temos unha bola de cristal que nos indique o que vai pasar na reunión. Simplemente, o factor humano estraga as mellores medidas de seguridade: pola lista de correo nas que acordamos as xuntanzas da mesa negociadora do noso convenio chegounos un documento coa acta que se vai a ratificar mañá, preacordo que está a ser pactado entre onte e hoxe pola patronal e as cúpulas sindicais de CCOO e UGT”, denuncian non sen certa ironía dende a CIG-TIC.
O rexeitamento da central sindical ao preacordo é algo que teñen ben claro os sindicatos estatais, xa que o punto terceiro do documento recolle que “No subscriben el presente PREACUERDO las organizaciones sindicales CIG, ELA-STV y LAB”. Xa no último comunicado da CIG-TIC sobre o convenio se aseguraba que este non tiña marxe de mellora.
“Pero o preacordo que se vai asinar mañá aínda menos: unha vixencia de catro anos (de 2020 a 2024), con efectos económicos só desde xullo de 2022; cun incremento salarial dividido entre salario e plus convenio, que será do 5,46% de media en 2022, do 2,5% lineal en 23 e do 2% en 24; ademais, non se regulan nin as gardas nin o traballo a quendas, a pesar de que os propios sindicatos estatais insistiron durante a negociación en que había que facelo.”
Convenio sen marxe de mellora
Dende a central sindical sosteñen que sempre acudiron á mesa negociadora con ánimo construtivo ao entender que o marco actual, “aínda que non nos satisfai”, é o que regula as condicións actuais de máis de 20.000 persoas traballadoras galegas.” Pero tamén tivemos claro dende o primeiro instante que este convenio estatal ía ser irreformábel e, como dixemos, non tiña marxe de mellora”.
Agora, sen contar cos traballadores/as do sector aos que din defender, as centrais estatais van asinar un preacordo que para a CIG supón a perpetuación da perda de poder adquisitivo na actual situación de escalada de prezos, defenden na mesa unha reforma laboral que non derogou as circunstancias máis lesivas da reforma do PP e do PSOE e néganlle a voz ao conxunto do persoal do sector ao chegar a acordos fóra da mesa, “en reunións precipitadas e planificadas fóra desta”.
Por todo isto, dende a central sindical denuncian que as cúpulas de CCOO e UGT, xunto coa patronal, actúan con “premeditación e aleivosía, esquecendo por completo os dereitos e as reivindicacións do persoal, cun preacordo que certifica un convenio que non representa aos traballadores/as das TIC e cunha absoluta falta de respecto a un sector que tanto din defender”.