A CIG-Telefónica solicita que se habilite unha canle de comunicación para atender afectados/as polo lume
A sección sindical da CIG en Telefónica vén de reclamar publicamente que se habilite unha canle de comunicación especial para atender os concellos e as persoas afectadas pola recente vaga de incendios forestais, tendo en conta que “o servizo de telecomunicacións é un servizo público de primeira orde”. Neste senso, denuncian que unha semana despois dos lumes aínda non se lle repuxo o servizo a todas as persoas prexudicadas.
Dende a CIG-Telefónica lembran que ademais de ser un servizo público de primeira orde, as telecomunicacións son tamén imprescindíbeis para as actuacións de atención urxente ás persoas e aos núcleos de poboación afectados. “ É unha ferramenta necesaria mesmo para os servizos públicos, institucións públicas e entidades implicadas no necesario auxilio e recuperación da actividade e calidade de vida das persoas afectadas”. Neste senso, denuncian que transcorrida máis dunha semana dende a catástrofe ambiental non se acometeron as obrigadas medidas de reposición do servizo da maioría dos prexudicados/as.
“Esa canle de comunicación pode servir para mobilizar os equipos de emerxencia necesarios para minimizar o impacto, nomeadamente nos núcleos de poboación illados, e repoñer o servizo individual, comezando polas situacións máis urxentes, como persoas maiores de idade, dependentes, teleasistencia, etc.”.
Inmediata reposición do servizo
Así, consideran necesario contar con equipos de emerxencia para restablecer os servizos públicos, “e poñer a empresa a disposición das estruturas de coordenación das Administracións públicas -Xunta, Deputacións, Concellos- para ordear a inmediata reposición do servizo público, xa que isto é o mínimo que debe facer unha compañía que recibiu e recibe recursos públicos en forma de cuantiosas subvencións”.
Finalmente, entenden que os comités provinciais de Telefónica deben de asumir esta reivindicación diante da dirección e defender “o noso papel como prestadores de servizo público e a nosa responsabilidade profesional co noso país e co noso pobo”.