A CIG súmase ás campañas de boicot ao mundial de fútbol de Qatar
O vindeiro 20 de novembro dará comezo o Mundial de Fútbol en Qatar, organizado pola FIFA. Os, en principio, 5.760 minutos de fútbol que ofrecerá este evento serán os más vergoñentos, pois, máis aló dos réditos económicos que deixarán para a propia FIFA e algunhas empresas, teñen custado xa un alto prezo en vidas de traballadores e traballadoras, principalmente migrantes, que foron sometidos a condicións de escravitude, nun país que acumula unas cifras alarmantes no que ten a ver co respecto aos dereitos humanos.
6.500 mortes na construción das infraestruturas
Informes internacionais falan de 6.500 mortes na construción das infraestruturas deste mundial (aínda que na campaña de protesta en Alemaña, trasladada aos principais estadios, cífranse en 15.000). Calcúlase que son máis de 1,7 millóns de persoas migrantes as que, constituíndo o 90% do total, participaron nestas obras, principalmente procedentes de Bangladesh, India e Nepal.
Sometidas a traballo forzado, sen poder cambiar de traballo, sen poder saír do país, en terríbeis condicións de vida, malas condicións hixiénicas e padecendo condicións de amoreamento, vendo como se apropiaban dos seus pasaportes, sufrindo ameazas, tendo prohibida a afiliación sindical, e agardando meses a cobrar un salario medio mensual de 220$ (logo de pagar entre 500 e 4300$ ás axencias que lle conseguiron os contratos, para fuxir da pobreza nos seus países de orixe).
Pero o máis grave, dadas estas condicións, é o número de mortes e persoas feridas por accidentes laborais, que chagan a esas cifras tan escandalosas.
E mentres, a FIFA atendendo só os seus beneficios económicos (2000 millóns de dólares no 2014), e algunhas empresas lucrándose con cantidades abusivas nas contratacións, como Six Construct, que cobrou 90 millóns de dólares pola reforma do estadio de Jalifa, ou a subcontratista Eversendai, que se endosou 35 millóns de dólares.
Vulneración dos dereitos das mulleres e do colectivo LGBT+
Pero non só a clase traballadora está a ser explotada e cos seus dereitos laborais vulnerados. É unha vergoña que os cartos sexan quen de tapar os ollos da autodenominada “comunidade internacional” diante de todos os colectivos que están a sufrir acoso e violación dos seus dereitos cívicos e humanos en Qatar.
As mulleres seguen a ser discriminadas, con un sistema de tutela masculina, sometidas ao seu permiso para decisións importantes (casar, estudar, traballar, viaxar etc.), dificultándoselles o divorcio, coa perda da tutela dos seus fillos se o fan, ou sufrindo desaparicións cando protestan diante destes abusos, como lle pasou á activista Noof al Maadeed, de 23 anos.
A liberdade de expresión tamén está restrinxida en Qatar, con constantes detencións, represalias e até desaparicións forzosas, como o caso do keniano Malcolm Bidali, vixiante de seguridade, blogueiro e activista dos dereitos dos traballadores e traballadoras migrantes.
No que se refire aos dereitos de lesbianas, gays, bisexuais, transxénero, intersexuais (LGBT+), o Código Penal segue tipificando as relacións homosexuais entre homes como un delito puníbel, con até sete anos de cadea. O seu artigo 296 especificaba os delitos de “conducir, instigar ou seducir a un varón de calquera maneira para que cometa sodomía ou disipación” e “inducir ou seducir a un varón ou a unha muller de calquera xeito para que cometa accións ilegais ou inmorais”.
Por outra banda, aínda que, en febreiro, o emir detivo a execución dun tunecino declarado culpábel de asasinato, a pena de norte segue vixente nesa país.
Diante desta situación, desde a CIG facemos un chamamento a apoiar todas as campañas de boicot contra este mundial. O correcto, ante esas cifras tan alarmantes que acabamos de relatar, tería sido que ese boicot se concretara na negativa a participar das seleccións dos países chamados “democráticos”, pero o capital non ten prexuízos sobre a vida das clases populares, e menos aínda se son do sur global, con tal de ver incrementadas as súas ganancias.
Neste senso, a central saúda toda as campañas que se están a desenvolver, como a dos estadios de clubs importantes de Alemaña, onde se despregan pancartas co lema “15.000 mortos por 5.760 minutos de fútbol, que vergoña!” (que algún medio trata de fanática); as camisetas atenuadas da selección danesa, ou o boicot a retransmisión televisiva en lugares públicos promovidos desde algunhas cidades francesas ou do Estado español, como Barcelona. Mais, a CIG considera insuficientes e até certo punto hipócritas. Sirva como exemplo o caso de París, con un equipo como o PSG, precisamente en mans de millonarios de Qatar, e sendo Francia un dos principais provedores de armas a ese país.
O deporte como medio para branquear brutais ditaduras
Por iso ,a CIG entende que, polo propio balompé, os/as seareiros/as non poden permitir que se perverta cada vez máis este deporte, que co diñeiro manchado de sangue da ditadura catarí se tenten branquear ou tapar os seus crimes contra os dereitos humanos, que se alteren, por primeira vez, as datas das ligas estatais para que sexa factíbel xogar nun país no que, por outra banda, non hai ningunha tradición do balompé e que só é empregado como xeito de diversificar e aumentar os seus ingresos e lograr unha certa aceptación internacional que, doutro xeito, non tería.
De feito, este mundial constitúe un chanzo máis dunha deriva de branqueamento e mercantilización total do fútbol que xa viviu coa compra por parte de brutais ditaduras como a saudí da Supercopa do Estado español.
Este mundial 2022 nunca debeu chegar a celebrarse nese país e nesas condicións, polas consecuencias dramáticas que vén causando a miles de persoas. Ese tería sido o verdadeiro boicot que se lle debera facer. Nin a FIFA debera tomar a decisión no seu momento, nin o resto de países apoiala e enviar as súas selección. Mais, como isto parece que xa será inevitábel, a CIG chama a participar nas diferentes actividades de denuncia: boicot televisivo, difusión de cartaces, concentracións, manifestacións públicas de rexeitamento nos estadios, difusión de críticas nas redes etc.
Hai moitos motivos.
Polos dereitos das mulleres, do colectivo LGBT+ e pola clase traballadora, con máis de 6500 mortes
Non a este mundial de vergoña
Apaga o televisor durante a retransmisión dos partidos