A CIG súmase ao Manifesto “Pacto Nacional polo Referendo” en Catalunya
A CIG, xunto con outras entidades, persoas, organizacións e institucións vén de asinar o Manifesto “Pacto Nacional polo referendo” en apoio ao proceso aberto en Catalunya e entendendo que este é “un instrumento privilexiado de afondamento democrático, que permita o debate político plural, a procura de consensos e a adopción final de acordos eficaces”.
Manifesto
Pacto Nacional polo Referendo
A conciencia nacional e a vontade de autogoberno do pobo de Cataluña ten incuestionábeis raíces históricas, antigas e profundas, e tense manifestado repetidamente ao longo do tempo. Hoxe, Cataluña está integrada no Estado español, o cal, por innegábeis razóns de historia, lingüísticas e culturais, é plurinacional, a pesar de as súas estruturas políticas non o recoñeceren así.
O desexo de Cataluña de decidir o seu futuro político tornouse cada vez máis evidente para o mundo, até o punto de se converter nunha aspiración sostida, que hoxe reflicte a vontade dunha grande maioría da súa poboación.
Entre os dereitos esenciais e inalienábeis das sociedades democráticas recoñécese o de decidir o seu futuro político. E é este dereito o que sustenta a esixencia dunha maioría de cidadás e cidadáns de Catalunya que o queren materializar a través dun referendo.
Manifestamos que o desexo de se expresar das catalás e dos cataláns por medio dun referendo é maioritaria e transversal e mais congruente coa determinación cívica, pacífica e democrática que manifestaron as multitudinarias mobilizacións da sociedade organizada a prol do seu dereito a decidir.
Afirmamos que o actual marco xurídico español, tal como teñen defendido os expertos en dereito constitucional, permite a realización dun referendo en Catalunya acordado co Estado. Se esta posibilidade non se abriu até agora foi por falta de vontade política dos gobernos de España. A lei, mesmo que for susceptíbel de interpretacións diversas, debe ser entendida como un instrumento para achar solucións democráticas aos problemas políticos e non para os crear de novo ou para exacerbar os existentes.
As persoas, entidades, organizacións e institucións que asinamos este Manifesto entendemos o referendo como un instrumento privilexiado de afondamento democrático, que permita o debate político plural, a procura de consensos e a adopción final de acordos eficaces.
Por tanto:
Instamos os gobernos de Catalunya e do estado Español a superar as dificultades políticas e os prexuízos e a acadar, finalmente, o acordo que estabeleza as condicións e as garantías xustas e necesarias para a celebración dun Referendo recoñecido pola comunidade internacional, cuxo resultado deberá ser politicamente vinculante e eficaz.
Recoñecemos o Parlamento de Catalunya como a institución democrática onde se manifesta a vontade popular do país. Por tanto, apoiamos aquelas iniciativas e acordos que xurdan para a articulación deste referendo.
Manifestamos a convicción de que o referendo é unha ferramenta inclusiva, que permitirá a libre expresión das diversas posicións que os cidadáns e cidadás de Catalunya manifestaron a respecto da relación política entre Catalunya e o Estado español.
Afirmamos que a cultura democrática reclama solucións políticas para os problemas políticos. E facémolo apelando ao mecanismo fundamental de que dispoñen as sociedades modernas: o coñecemento e a validación da vontade maioritaria do pobo que se expresa a través do voto.
Este referendo debe propiciar que toda a xente se sinta chamada a participar. Por isto é necesario un debate escrupulosamente democrático, plural e en igualdade de condicións entre as lexítimas opcións que hoxe se manifestan en Cataluña.