A CIG súmase ao 'Manifesto internacional pola vida' en demanda de vacinas e saúde pública para todas e todos
Neste 7 de abril, Día Mundial da Saúde, a CIG súmase ao 'Manifesto internacional pola vida' feito pola Asemblea Internacional dos Pobos para esixir vacinas e saúde pública gratuíta para todas as persoas, en todo o mundo. Transcorrido un ano dende que a OMS declarara a pandemia mundial pola Covid-19, e malia os millóns de persoas falecidas e o incremento da pobreza, os gobernos capitalistas, neoliberais e as empresas transnacionais están aproveitando esta situación para lucrarse e beneficiarse, xa sexa acaparando bens necesarios para a loita contra a pandemia, extorsionando os países máis pobres e pequenos para a compra dos subministros e agora coa loita pola vacina, "cos intentos destes poderes imperialistas de sacar toda a vantaxe e beneficio aínda que o custe sexan miles de vidas perdidas".
A seguir reproducimos á integra o contido do manifesto, que se enmarca na Xornada Internacional de Loita Anti-imperialista que se desenvolve entre o 7 e o 11 de abril.
A vida está por riba do beneficio: vacinas e saúde pública gratuíta para todas as persoas, en todo o mundo, agora!
A pandemia Covid-19 evidenciou en todo o mundo as contradicións do capitalismo, que pon o beneficio por riba da vida das persoas.
➢ Empresas farmacéuticas multinacionais, interesadas só polos seus beneficios, entregan as vacinas primeiro a quen ten máis cartos. Do total de vacinas distribuídas, o 75% están en mans dos 30 países máis ricos, mentres que a poboación dos 130 países pobres do sur global aínda non ten acceso.
➢ Os gobernos, na súa maior parte, tomaron medidas para protexer aínda máis a economía que a vida, poucos foron os que tiveron o valor de decretar a paralización total das actividades non esenciais para retardar a propagación do virus.
➢ Unha grande parte da poboación séntese desamparada, sen vacinación, sen emprego, sen ingresos, sen expectativas de futuro. Esa situación, dende o no punto de vista étnico e de xénero, é aínda máis grave entre as mulleres, a xente nova, a poboación negra e os pobos indíxenas.
➢ Estamos a vivir unha verdadeira guerra contra un inimigo invisíbel que afecta a toda a humanidade e que xa matou a case tres millóns de persoas.
➢ O imperialismo estadounidense e os seus aliados só se preocupan pola xeopolítica e os beneficios das súas corporacións, a pesar de ter amplos recursos económicos, técnicos e financeiros que poderían contribuír a salvar vidas.
➢ Mentres tanto, o goberno dos Estados Unidos, criminalmente mantén e aumenta o bloqueo económico, comercial e financeiro contra varios países, especialmente Cuba, Venezuela e Irán.
➢ Ademais disto, seguen a promover a práctica dunha nova "guerra fría " contra China, con retórica hostil contra o goberno chinés, aplicando sancións económicas, perseguindo as súas empresas, e difundindo a mentira de que o estado chinés é o culpábel da pandemia.
Diante desta situación, debemos unificar esforzos ao longo do mundo, a través das diferentes organizacións populares, comunitarias, sociais e políticas, para defender o cumprimento de medidas obxectivas para protexer a vida dos seres humanos. Desde as nosas organizacións, de acordo co directrices da Organización Mundial da Saúde (OMS) e ampliando as reclamacións, propomos:
➢ Vacinación gratuíta para toda a poboación. Formas de garantía de adquisición da vacina para todos os países de forma xusta e igualitaria, retirando patentes que transforman as vacinas en propiedade da industria farmacéutica privada. A vacina é un ben fundamental da humanidade.
➢ Parada total de actividades non esenciais nos países nos que a transmisión da Covid-19 está fóra de control.
➢ Garantía dunha renda básica que asegure unhas condicións de vida dignas ás familias máis pobres, as máis afectadas pola pandemia, para que poidan reordenar as súas vidas.
➢ Suspensión das débedas públicas dos países máis pobres do sur global cos países ricos do norte e o seu sistema financeiro.
➢ Suspender todas as actividades bélicas en todos os países do mundo durante a pandemia. Isto inclúe o fin da represión policial en resposta ás mobilizacións e ás familias que ocupan casas e terreos. Non máis guerras! Queremos paz e vacina!
➢ Planificación das actividades produtivas para o período pos-pandémico, co obxectivo de restablecer a vida nos países, baseada no emprego para todos/as e na produción de bens básicos para unha vida digna.
➢ Desenvolver programas de apoio á produción de alimentos saudábeis para as cidades e os seus mercados locais en todos os países.
➢ Reconstrución e reorganización dos Estados: implementación de políticas e leis públicas responsábeis da reprodución social, promovendo a desmercantilización da vida e a oferta de servizos públicos e protección social para os sectores populares.
➢ Rematar coas medidas coercitivas unilaterais promovidas polos gobernos dos Estados Unidos e os seus aliados, que violan o dereito internacional. Estas "sancións" prexudican o acceso a eses pobos a alimentos, medicamentos, equipos de protección individual (EPI) e incluso combustíbel: elementos fundamentais cos que enfrontar a pandemia. Que a OMS e a ONU asuman as súas responsabilidades na reordenación dos recursos financeiros dos paraísos fiscais e frear os gobernos que non respectan as regras da vida democrática e da vida da súa xente, neste momento de grave crise sanitaria internacional.
Para denunciar o que está a suceder e loitar polo transformacións necesarias, queremos aproveitar a semana do 7 de abril, Día Mundial da Saúde, decretado pola ONU en 1948, para:
Convocar a todas as organizacións populares, sociais e políticas, colectivos, campañas e entidades locais, nacionais e internacionais de todos os países, para a construción dunha conferencia de Loita antiimperialista internacional entre o 7 e o 11 de abril de 2021, co obxectivo de expresar a nosa indignación coa actual situación mundial e, ao mesmo tempo, reafirmar o noso compromiso coa construción dun mundo máis xusto e igualitario, onde a vida está por riba do beneficio.
Estamos certos/as de que só xuntos/as podemos facer moito máis na defensa da humanidade.