A CIG súmase ao acto de protesta contra o golpe no Brasil, realizado durante o plenario da 105 Conferencia da OIT
A CIG, explica Xosé Lois Rivera Jácome, responsábel de Internacional da central nacionalista, sumouse ao acción desenvolvida pola CUT-Brasil, participando activamente no acto de protesta que se realizou durante a intervención do Ministro de Traballo do Brasil no plenario da OIT celebrado este mércores.
Dilma Rousseff, democraticamente elixida pola maioría da poboación, foi desaloxada do seu cargo por un proceso xuridicamente insostíbel e propiciado polo grande capital e as forzas conservadoras do Brasil, contando coa axuda exterior das multinacionais e as grandes potencias, con EEUU á cabeza.
O proceso de impeachament aprobado polo Senado o pasado día 12 de maio é unha auténtica farsa, pois non hai ningún crime de responsabilidade configurado. A acusación central da oposición contra Dilma Rousseff para xustificar un xuízo político é a suposta violación de normas fiscais ao maquillar o déficit orzamentario de 2015. Porén, non se ten demostrado nin existen probas contra a mandataria, que reitera a súa inocencia.
Este proceso infrinxe tanto a legalidade como a lexitimidade, está viciado de ilegalidades e inxustizas e configura un vicio xurídico de desviación de poder por parte de sectores que no Brasil, e no seu entorno, se opoñen ás transformacións políticas e sociais emprendidas por algúns países da América Latina.
Solidariedade co pobo palestino
De igual xeito, a CIG trasladou a súa solidariedade co pobo palestino e contra a ocupación ilegal de Israel nun acto organizado por diversos países árabes no marco da 105 conferencia da OIT. A central sindical rexeita a política de asoballamento e bloqueo que o estado israelí exerce de múltiples maneiras sobre a poboación palestina, practicando unha política de exterminio política cara a poboación palestina iniciada no primeiro terzo do século XX.
A CIG, organización sindical de ámbito nacional de Galiza, defende o dereito de autodeterminación para o Pobo Galego; coherentes con este principio político, a nosa central sindical apoia decididamente as loitas daqueles pobos que dentro do Estado español, ou fóra del, están orientadas a facer efectivo o dereito de autodeterminación con todas as consecuencias, incluído a creación de un Estado propio e soberano.
Nova relacionada: A CIG condena o proceso consumado en Brasil contra a Presidenta Dilma Rousseff