A CIG súmase á petición de información sobre a saúde e as condicións nas que se atopa o líder político kurdo Ocalan
Sindicatos (entre eles a CIG), organizacións sociais e persoas a título individual reclaman que se ofreza información concreta e urxente sobre o situación e as condicións do líder político kurdo, Abdullah Ocalan. Ademais, ínstase a dar cobertura e difundir a rolda de prensa convocada pola campaña sindical con sede en Reino Unido "Liberdade para Ocalan" que terá lugar o próximo 26 de xullo, ás 11:00h, diante do Parlamento europeo.
Abdullah Ocalan leva 24 anos recluído en illamento en Turquía, e durante os dous últimos anos até aos seus avogados e familiares se lles negou calquera contacto ou acceso a el. Actualmente descoñécese se está vivo e cal é o seu estado, e agora existen graves preocupacións pola súa vida e o seu benestar.
Preocupa tamén profundamente que a institución do Consello de Europa que se encarga de supervisar as condicións do encarceramento do Sr. Ocalan -o Comité para a Prevención da Tortura- non estea proporcionando información pública suficiente. A familia Ocalan, os seus avogados e o pobo kurdo en xeral, solicitan que se tomen medidas para abordar esta espantosa situación.
Por iso, na comparecencia para os medios denunciarase a resposta totalmente inadecuada dos gobernos europeos, das organizacións de dereitos humanos e do Consello de Europa que, dada a súa falta de actuación, fainos cómplices desta vulneración e abuso dos dereitos humanos básicos.