A CIG súmase á declaración sindical de apoio ao proceso de paz en Colombia
Coincidindo coa celebración da 108 Conferencia Internacional da OIT, a do seu Centenario, celebrouse un encontro no que as organizacións sindicais CUT e CTC de Colombia, coa cobertura das federacións sindicais internacionais CSA e CSI, trasladaron a proposta dunha Declaración á que outras organización sindicais, entre elas a CIG, nos sumamos e apoiamos.
Na declaración maniféstase a preocupación e crítica polos ataques e bloqueos ao Acordo de Paz en Colombia, por parte dalgúns sectores políticos e o propio goberno de Colombia. Denúncianse os constantes incumprimentos por parte do goberno de Duque, a escalada de violencia e asasinatos de líderes sociais e sindicais, a paralización do diálogo co ELN, todo isto, a pesar dos avances que se expoñen na mesma declaración.
Faise un chamamento á comunidade internacional, diante do perigo en que se atopa o proceso de paz en Colombia, para que se esixa o cumprimento dos acordos e se atenda as conclusións dos diferentes estudos feitos por organismos como a ONU, en demanda do respecto aos dereitos humanos. Así, a maioría das organización sindicais presentes subscribimos esa Declaración para esixir o cumprimento dos acordos; o esclarecemento da verdade; a disposición de medidas para parar os asasinatos; a reparación correspondente; o cumprimento dos compromisos internacionais; os servizos de inspección; cumprimento dos acordos para o sector público; reforzar a campaña de apoio internacional; seguir promovendo a cultura da paz; promover acción legais; institucionais e de mobilización e promover a solidariedade internacional de organizacións sindicais, sociais e humanitarias, para que o acordo chegue a bo fin.
(Trasladamos texto da Declaración que xa se dá como definitivo)