A CIG súmase á campaña pola suspensión do Acordo de Asociación entre a UE e Israel
A CIG, xunto con outras 160 organizacións, súmase á campaña dirixida ás institucións da UE e aos Estados membros demandando a suspensión do Acordo de Asociación entre a Unión Europea e Israel, diante das violacións dos dereitos humanos por parte do Estado de Israel no Territorio Palestino Ocupado. Estas violacións dos dereitos humanos constitúen unha clara infracción do artigo 2, que condiciona o Acordo ao "respecto dos dereitos humanos e dos principios democráticos" das partes, que constitúen "un elemento esencial" deste.
As organizacións asinantes condenan sen paliativos todas as violacións do dereito internacional, incluído o asasinato de civís, e pídenlle ás autoridades competentes que as investiguen sen demora. O que está a suceder en Gaza é unha "crise da humanidade", como afirmou o secretario xeral da ONU, Antonio Guterres. A guerra actual de Israel en Gaza provocou numerosas vítimas civís, unha ampla destrución de infraestruturas civís e repetidos desprazamentos forzados da poboación. A maioría dos hospitais foron bombardeados e destruídos por Israel e o persoal médico asasinado. A poboación de Gaza enfróntase a un inmenso sufrimento, fame e enfermidades contaxiosas, debido aos continuos ataques e ao bloqueo por parte de Israel de alimentos, auga, combustíbel, medicamentos, axuda humanitaria. As crianzas, entre outros grupos vulnerábeis da poboación, víronse especialmente e devastadoramente afectadas.
O 26 de xaneiro de 2024, a Corte Internacional de Xustiza (CIX) determinou que a conduta actual de Israel en Gaza constituía un risco de xenocidio e ordenou a Israel que tomase medidas para evitalo. O 28 de marzo, a CIX ordenou de novo a Israel que implementase estas medidas provisionais. O 24 de maio, a CIX ordenou a Israel deter inmediatamente a súa ofensiva militar en Rafah e abrir o paso para a prestación sen trabas de servizos e axuda. Todas estas ordes, que son obrigatorias, foron ignoradas por Israel.
Non obstante, os abusos dos dereitos humanos por parte do Goberno israelí non comezaron en 2023 e non se limitan á Franxa de Gaza. As violacións sistemáticas e xeneralizadas dos dereitos humanos, como a confiscación de terras e recursos e a discriminación racial, foron ben documentadas durante os 57 anos de ocupación do territorio palestino por parte de Israel e os 17 anos de bloqueo de Gaza.
O Consello Europeo tamén expresou reiteradamente a súa preocupación pola expansión dos asentamentos, o bloqueo da Franxa de Gaza e o uso dunha forza desproporcionada. As probas de tortura e trato inhumano aos detidos palestinos, incluídos os abusos sexuais, están ben documentadas. A situación dos prisioneiros só empeorou desde outubro de 2023, sobre todo para os detidos desde Gaza polo exército israelí.
O 19 de xullo de 2024, a CIX emitiu unha opinión consultiva sobre as "Consecuencias xurídicas derivadas das políticas e prácticas de Israel no territorio palestino ocupado, incluída Xerusalén Leste". Unha das súas principais conclusións é que “as violacións por parte de Israel da prohibición da adquisición de territorio pola forza e do dereito do pobo palestino á autodeterminación […] e o abuso sostido por parte de Israel da súa posición como Potencia ocupante, a través da anexión e unha afirmación do control permanente sobre o Territorio Palestino Ocupado e a continua frustración do dereito do pobo palestino á autodeterminación, viola os principios fundamentais do dereito internacional e fai ilegal a presenza de Israel no Territorio Palestino Ocupado. Esta ilegalidade refírese á totalidade do territorio palestino ocupado por Israel en 1967”.
O Tribunal subliñou ademais que Israel incumpre a prohibición da segregación racial e o apartheid da Convención da ONU sobre a eliminación de todas as formas de discriminación racial. No artigo 279 o Tribunal considera que "todos os Estados teñen a obriga de non prestar axuda nin asistencia para manter a situación creada pola presenza ilegal de Israel no Territorio Palestino Ocupado". Violacións tan graves do dereito internacional e do dereito humanitario nunca serían posíbeis se a comunidade internacional, incluída a Unión Europea, responsabilizara a Israel das súas accións e tomara as medidas adecuadas en resposta. É hora de que este enfoque fallido cambie.
O respecto dos dereitos humanos constitúe un "elemento esencial" dos Acordos de Asociación da UE con países socios. As disposicións do Acordo de Asociación UE-Israel estabelecen que as partes crean a asociación "tendo en conta a importancia que as partes conceden...[ ] aos principios da Carta das Nacións Unidas, en particular ao cumprimento dos dereitos humanos e da democracia, que constitúen a base mesma da Asociación”. O artigo 2 estabelece que “as relacións entre as partes, así como todas as disposicións do propio Acordo, basearanse no respecto dos dereitos humanos e dos principios democráticos, que orientan a súa política interna e internacional e constitúen un elemento esencial do presente Acordo”.
A violación das chamadas cláusulas de "elementos esenciais" permite á UE rescindir ou suspender total ou parcialmente un Acordo de Asociación, de conformidade co artigo 60 da Convención de Viena sobre o Dereito dos Tratados. O artigo 82 do Acordo de Asociación dispón que “Cada unha das partes poderá denunciar o Convenio notificándoo á outra parte”, mentres que o artigo 79, parágrafo 2, estabelece as normas de procedemento aplicábeis a este proceso.
Os terceiros estados teñen a responsabilidade de previr o xenocidio segundo o dereito internacional e, polo tanto, deben tomar todas as medidas diplomáticas, económicas e políticas que estean ao seu alcance para evitar o xenocidio en Gaza. Os Estados membros da UE deberían utilizar a súa influencia e empregar todos os medios lícitos ao seu alcance para influír en Israel para que se absteña de actos que infrinxan a Convención sobre o xenocidio e para poñer fin á ocupación ilegal tal e como concluíu a CIX, incluída a revisión ou suspensión das negociacións comerciais e outros acordos.
Esta campaña está dirixida a todas as partes interesadas relevantes da UE nos seus respectivos ámbitos de responsabilidade: o Consello da UE ten o poder de decidir a suspensión do Acordo de Asociación: a regra da unanimidade non pode ser unha escusa cando están en xogo os valores fundamentais da UE. A Comisión Europea, como "Gardián do Tratado", ten a responsabilidade de garantir que os tratados se respecten e se apliquen correctamente (segundo o artigo 17 TUE), incluído o artigo 2 do Acordo de Asociación.
A Comisión debe examinar e esixir xustificacións para o incumprimento por parte de Israel do Acordo, e propor ao Consello as medidas oportunas; neste caso tales medidas non precisarán da unanimidade. O Parlamento Europeo debería utilizar o seu peso político para presionar ao Consello e á Comisión para que actúen coas súas responsabilidades. Pode facelo iniciando debates parlamentarios, presentando resolucións, etc. Os Estados membros da UE deben esixir á Comisión que acelere a súa investigación sobre o cumprimento por parte de Israel do artigo 2; tamén son os que toman decisións no Consello. Ademais, comprométense, como asinantes da Convención sobre o xenocidio, a previr e sancionar a comisión de xenocidio.
A través da nosa campaña, xunto cao cidadanía da Unión Europea, instamos a todas as partes interesadas a que tomen medidas urxentes para provocar a suspensión do Acordo de Asociación UE-Israel, e todos os acordos relacionados, até que Israel cumpra o dereito internacional e o dereito internacional humanitario, e aplique as sentenzas e a opinión consultiva da CIX. A suspensión do Acordo de Asociación debería permanecer até que a UE confíe en que nada nas súas relacións con Israel contribúa de ningún xeito -política, financeira, militar, técnica, comercial, nada- á continuación da ocupación e á negación dos dereitos do pobo palestino. O que vén acontecendo en Gaza, e no conxunto do Territorio Palestino Ocupado, é a consecuencia dun fracaso político e moral da comunidade internacional.
A suspensión do Acordo de Asociación debido á violación por parte de Israel das cláusulas de dereitos humanos do Acordo xa non é algo que se debata, senón unha obriga da UE de ser coherente cos seus propios principios e valores. Non facelo significaría aceptar o estado actual de profunda anarquía habilitado pola impunidade de décadas, e sentará un perigoso precedente mundial.