A CIG súmase á campaña para esixir a aparición con vida de Santiago Maldonado
A Confederación Intersindical Galega sumouse á campaña internacional para denunciar a desaparición forzada de Santiago Maldonado e reclamarlle ao Goberno de Arxentina que, de xeito urxente, investigue e atope con vida a Maldonado e se identifique e xulgue ás persoas responsábeis da súa desaparición.
A CIG está a colaborar nas distintas campañas e mobilizacións promovidas por organizacións sindicais arxentinas (principalmente a CTA-A e a CTA-T) e ten amosado a repudia por estes feitos directamente ao Goberno de Mauricio Macri, mediante escritos dirixidos á Presidencia da República, á embaixada arxentina no Estado español e ao consulado de Vigo.
O activista Santiago Maldonado desapareceu o pasado 1 de agosto tras a violenta represión por parte da xendarmería nacional das protestas que a comunidade mapuche de Pu Lof (na provincia de Chubut) estaba desenvolvendo en contra da ocupación das súas terras ancestrais, agora en mans da empresa italiana Benetton.
Na operación represiva participaron máis de cen axentes fortemente armados, que dispararon balas contra os membros da comunidade, destruíndo e prendendo lume ás súas pertenzas. Santiago Maldonado, un mozo de 28 anos, participaba solidariamente na loita da comunidade e na concentración en demanda de liberdade para o seu lonko, Facundo Jones (lonko é como se chama ao xefe do grupo de familias en lingua mapuche).
Segundo informaron as testemuñas presentes, membros da xendarmería arrastraron o mozo a un dos seus vehículos, e dende entón nada se sabe de Maldonado. Até agora, a investigación xudicial aberta non deu resultados. De acordo coa Convención Internacional para a protección de todas as persoas contra a desaparición forzada, o proceso debería clasificarse como "desaparición forzada de persoa" e non como "persoa extraviada".
Inacción do Goberno
Organizacións sociais, sindicais e políticas de Arxentina teñen desenvolvido varias xornadas de mobilizacións no país para esixir á aparición con vida do mozo e denunciar a inacción e a ineficacia do Goberno de Macri, que nega que fora detido e mesmo pon en dúbida a presenza de Maldonado na protesta mapuche. Á campaña de denuncia estanse sumando organizacións e institucións de diferentes países.
Este mesmo luns, a Comisión Interamericana de Dereitos Humanos (CIDH) anunciaba que citará ao Goberno arxentino a unha reunión o vindeiro mes de outubro para abordar a desaparición de Santiago Maldonado e Milagro Sala (líder da organización Túpac Amaru, detida en 2016 e que continúa en prisión a pesar de que a súa pena fica en suspenso).