A CIG subscribe o "Manifesto polo futuro" no marco das actividades organizadas para a Semana de Loita Antimperialista
A CIG vén de subscribir o "Manifesto polo futuro" promovido pola Asemblea Internacional dos Pobos, da que a central nacionalista forma parte, e dentro das actividades organizadas para a “Semana de Loita Antimperialista”, que se desenvolverá nos dez primeiros días do mes de outubro. Nestas xornadas realizaranse diferentes actividades en todo o mundo, algunhas delas na Galiza -promovidas pola propia CIG e a Plataforma Encontro Mundial contra o Imperialismo da Galiza, da que tamén fai parte-.
A seguir reproducimos o manifesto á íntegra:
Manifesto polo futuro
Día internacional da loita antiimperialista
“Cando os enfrontamos nós, estómagos famentos, os imperialistas buscan as súas armas. Cando os imperialistas nos enfrontan, nós, estómagos famentos, xuntamos os nosos brazos e marchamos cara a adiante”.
A nosa humanidade está ameazada por un virus invisíbel que se propaga axiña. Pero hai moito tempo que nos desafían outros virus, como o paro, a fame, o racismo, o patriarcado, a desigualdade e a guerra. Estes virus maniféstanse de xeito diferente en diferentes partes do mundo, atacan fortemente a vida dos/as traballadores/as e da xente do campo e dos/as que experimentan o impacto da desigualdade social; mentres tanto, hai unha minoría de persoas que se benefician da devastación.
O sistema capitalista non ten respostas a estas crises; as súas políticas son ocas. No canto de buscar un xeito de alimentarnos e protexernos, os capitalistas constrúen vastas máquinas de destrución: forzas policiais e militares que abafan a vida da clase traballadora nas nacións ricas e do campesiñado e da clase obreira nas nacións máis pobres. Se un país pobre tenta erguerse e procura exercer a súa soberanía, utilízase contra el todo un arsenal de poderes: o poder financeiro, diplomático e militar. Domínannos con armas, pero tamén con ideas. Tentan convencernos de que as súas opinións son as correctas.
Os administradores do sistema capitalista apresúranse a sacar as súas armas e dirixirse a adversarios afastados, a conducir os seus tanques ás nosas terras e ocupar as nosas casas, a destruír a natureza e destruír o noso mundo. É máis doado para eles iniciar guerras que encher os bandullos humanos de comida. Prefiren encher as persoas de fachenda patrioteira e racismo que recoñecer que é un sistema fallido que se basea cada vez máis no traballo de coidados non recoñecido para as mulleres e nas duras condicións laborais impostas á xente que traballa nas minas o unas fábricas, por exemplo.
O planeta está en chamas, os virus avanzan, a fame asexa a terra, pero aínda neste desastre, nós, a grande maioría dos habitantes do planeta, non renunciamos á posibilidade dun futuro. Esperamos algo mellor que isto, un mundo máis aló do beneficio e privilexios, un mundo máis alá do capitalismo e do imperialismo, un mundo que cante o canto da humanidade. Os nosos corazóns son máis grandes que as súas armas, o noso amor e a nosa loita superarán a súa avaricia e a súa indiferenza.
Os nosos movementos están plantando moitas sementes. Precisamos regalos, coidalos, asegurarnos de que florecen. Construiremos un futuro que atesoure a vida antes do beneficio, un futuro de fraternidade entre os pobos, no canto de guerras racistas, un futuro no que as xerarquías sociais desaparezan e gocemos de dignidade mutua.
Só cando está bastante escuro podes ver as estrelas. Agora está escuro dabondo.