A CIG subscribe o comunicado da Asemblea Internacional dos Pobos pola liberdade de Assange
A CIG, como membro da Asemblea Internacional dos Pobos, subscribe o comunicado en demanda da liberdade de Julian Assange despois de que o Tribunal de Apelación de Londres decidira, o pasado 10 de decembro, Día Internacional dos Dereitos Humanos, habilitar a súa extradición aos Estados Unidos de Norteamérica.
Este fallo, sublíñase no comunicado, é un atentado contra a liberdade de prensa, o dereito á información e os dereitos humanos básicos e marca un precedente preocupante. A extradición de Assange é unha consecuencia directa do seu traballo clave na revelación de crimes do imperialismo estadounidense e dos seus aliados en lugares como Afganistán, Iraq ou Libia.
"Assange é un prisioneiro político do imperialismo dos Estados Unidos e sen o seu traballo e o da súa organización, Wikileaks, saberíamos moito menos sobre os crimes de lesa humanidade cometidos por EU", apúntase no comunicado.
De ser extraditado, Assange terá que ir a un xuízo por 18 cargos que poderían implicar unha pena de até 175 anos de cárcere.
Neste sentido, a Asemblea Internacional dos Pobos rexeita a decisión do Tribunal de Londres e esixe que non se proceda a súa extradición e se poña en liberdade inmediata ao xornalista. "Basta xa de ocultar a verdade sobre os crimes do imperialismo estadounidense e dos seus aliados", remata o comunicado.
#FreeAssange #FreeAssangeNOW