A CIG solidarízase con Emilio Cao e denuncia a persecución e represión do Estado a calquera disidencia
A CIG manifesta a súa solidariedade con Emilio Cao, un estudante de Filosofía do Carballiño, para o que a Fiscalía pide cinco anos e oito meses de cárcere e unha multa de 6.000, tras ser detido en maio de 2014 no decurso dunha manifestación das Marchas da Dignidade en Madrid. A central sindical considera que este, como moitos outros casos que se están a producir no noso país e no conxunto do Estado, evidencia a persecución ideolóxica e política e a vulneración dos dereitos civís que padece quen cuestiona ou discrepa das políticas do PP.
Para a CIG o caso de Emilio Cao, que está citado a xuízo o próximo día 19 de marzo, ten unha clara vontade política e pretende amedrentar a todas as persoas que, facendo uso do seu dereito fundamental de manifestación e de expresión, saen ás rúas a denunciar as políticas regresivas do Partido Popular.
A pena solicitada para este mozo enmárcase para a central sindical no retroceso dos dereitos e liberdades políticas no Estado español que mesmo aprobou unha lei como a “Mordaza” ou aplica sancións penais, administrativas ou multas para reprimir a protesta social.
Diante disto, a CIG exixe a absolución de Emilio Cao e que o réxime español poña fin dunha vez por todas a esta política represiva e de persecución ideolóxica, política e de vulneración dos dereitos fundamentais.