A FGAMT-CIG solidarízase coas persoas despedidas por Ambulancias Sil na base de Viana

Denuncia as manobras da concesionaria do 061 e do transporte sanitario non urxente da varias localidades ourensás para non aplicar o convenio
Ourense - 16 Dec 2025

A FGAMT-CIG quere amosar publicamente a súa total solidariedade coas persoas traballadoras despedidas por Ambulancias Sil na base de Viana do Bolo, así como co conxunto do persoal afectado polas últimas manobras da empresa.

A central sindical xa denunciara no seu momento os intentos da dirección da empresa con sede no Barco de Valdeorras para deixar de aplicar o convenio colectivo, “tras o que tivemos que aturar desprezos, presións e falsas acusacións, tanto por parte da empresa como doutras centrais sindicais que optaron por mirar cara a outro lado”. 

A central denuncia unha estratexia empresarial para recortar dereitos laborais, presionar o persoal e eludir obrigas salariais

Co paso do tempo os feitos viñeron a confirmar as denuncias da CIG, xa que a empresa concesionaria do servizo do 061 e do transporte sanitario non urxente en varias localidades ourensás vén incumprindo sistematicamente o convenio e os pregos de condicións do servizo público, “chegando agora a unha situación límite que desemboca en despidos e na tentativa de inaplicar o convenio, comezando pola base de Viana”.

Desde a FGAMT-CIG de Ourense sosteñen que estas prácticas forman parte dunha estratexia empresarial para recortar dereitos laborais, presionar o persoal e eludir obrigas salariais, “malia non existir causa económica que xustifique un descolgue de convenio, tal e como establece o propio artigo 11 do mesmo”.

A disposición do persoal

E consideran inadmisíbel que unha empresa que accede a un contrato público pretenda facer negocio a costa da precarización laboral e da vulneración dos dereitos das persoas traballadoras. Por este motivo, a central sindical trasladará novamente esta situación á Xunta de Galiza, ao SERGAS e ao 061, como responsábeis últimos do servizo.

Finalmente, a CIG ponse á total disposición do persoal de Ambulancias Sil, especialmente das persoas despedidas, para prestar apoio sindical, xurídico e organizativo, e fai un chamamento a non asinar ningún documento imposto pola empresa e a contactar coa central sindical para defender colectivamente os seus dereitos.