A CIG solidarízase co pobo palestino e reclama a fin dos asasinatos, as provocacións e a impunidade
A CIG manifesta a máis enérxica repulsa polos asasinatos e as miles de persoas feridas que os ataques do exército israelí están a causar entre a poboación civil palestina, intensificados nos últimos tempos pola brutal resposta militar ás lexítimas e xustas protestas que se están a desenvolver na Franxa de Gaza contra o traslado efectivo da embaixada de Estados Unidos de América a Xerusalén, así como pola devolución e o dereito de retorno ás terras que lles foron roubadas.
A posición tradicional dos EUA como principais valedores de Israel, e o seu amparo diante das institucións internacionais para evitar calquera tipo de sancións polos constantes incumprimentos das resolucións internacionais e as violacións dos dereitos humanos, vén dando un salto cualitativo coa administración Trump.
Non só perpetúa estas políticas, senón que entra nunha escalada de provocación belicista e imperialista, que non ten o máis mínimo reparo en patexar os dereitos dos pobos do mundo, neste caso do pobo palestino, e de calquera outro que poida interferir nos seus intereses xeo-estratéxicos ou económicos, actuando como os verdadeiros “amos do mundo”.
Nesa liña enmárcase as últimas actuacións: a ruptura unilateral e inxustificada do acordo nuclear con Irán, como auténtico seguidismo das esixencias de Israel e Arabia Saudita; os recentes bombardeos de Israel sobre territorio de Siria e os anteriores da coalición EUA con Francia e Reino Unido (usando como pretexto as armas químicas); os anteriores asasinatos de cidadáns/ás palestinos/as, tamén na Franxa de Gaza, durante as 7 semanas das protestas de Grande Devolución, incluíndo, como nesta ocasión, nenos/as, persoas con mobilidade reducida e periodistas (calcúlase que dende que se iniciaron as mobilizacións no mes de marzo, na Franxa de Gaza máis cen persoas foron asasinadas e máis de 10.000 resultaron feridas de bala).
Hipocrisía internacional
Resulta noxento e indignante que na xornada deste luns, mentres na fronteira de Gaza eran masacradas máis de medio cento de persoas palestinas e máis de 2.000 resultaban feridas de bala, en Xerusalén, celebraran con todo boato e unha chea de bandeiras israelís e norteamericanas a apertura da embaixada que Trump xa tiña anunciado, saltándose as resolucións que ao respecto ten tomado a propia ONU e os diferentes tratados e acordos de paz que até Oslo foron negociados (e nunca cumpridos por parte de Israel).
E resulta tamén preocupante observar a lista de países que asistiron a tan provocador e ilegal acontecemento, varios deles europeos, por certo. Non se entende a hipocrisía da UE, que por unha banda critica a decisión de Trump, e por outra ten estados que aproban a conduta ou calan diante destes acontecementos.
A poboación palestina continúa desposuída e desprazada
O caso de Palestina é un claro exemplo de como os procesos coloniais limitan, non só os dereitos individuais e colectivos dos pobos, senón as súas condicións de vida, o traballo decente e o desenvolvemento para unha vida digna e pacífica. Pasados xa 70 anos dende a creación do Estado de Israel (precisamente estes días conmemórase a Nakba) e logo de varios procesos de paz errados, incluídos os acordos de Oslo, a poboación palestina continúa desposuída, desprazada e fragmentada pola ocupación israelí.
Lonxe de protexer á poboación civil como potencia ocupante, Israel afianzou o seu réxime de ocupación, colonización e discriminación, utilizando para isto medios non pacíficos nin respectuosos co dereito internacional. As violacións dos dereitos humanos son a normalidade imperante no seu réxime político e militar diante da poboación palestina.
O Estado israelí vén cometendo crimes internacionais, incluíndo asasinatos extraxudiciais, torturas, transferencias forzosas, detencións administrativas masivas e outras formas de castigos colectivos e individuais, como denuncian diversas organizacións de dereitos humanos, como Human Rights ou Amnistía Internacional.
Incumprimento sistemático da legalidade internacional
Hai décadas que o imperialismo norteamericano, Israel e os estados aliados que participan da OTAN veñen violando sistematicamente a legalidade internacional, interferindo, desestabilizando e non respectando a soberanía dos pobos, e desencadeando permanentes conflitos, guerras e agresións, útiles para a súa política armamentística e explotadora de recursos alleos, e sen importarlle as consecuencias que puidera traer para os pobos nos que as provoca.
Diante deste contexto internacional, chama a atención o papel da Unión Europea e os seus estados, que non son quen de tomar decisións que penalicen estas actuacións de Israel que, deste xeito, quedan impunes, nin de esixir ao grande 'imperio norteamericano' o cumprimento do dereito internacional. Pola contra, a propia UE segue a manter acordos comerciais con Israel, a pesar de figurar nas súas cláusulas a obriga de respectar os dereitos humanos. Tamén resulta desolador o papel da ONU, que non é quen de facer cumprir sequera as súas resolucións.
Dereito de autodeterminación
Desde a CIG queremos reafirmar toda a nosa solidariedade co pobo palestino na súa loita polo dereito de autodeterminación e a creación dun estado propio coas fronteiras anteriores a 1967 e con capital en Xerusalén Leste (antes de fraccionar totalmente o seu territorio e a capital), pola liberación de todos os presos e presas políticos, e o retorno das máis de 5 millóns de persoas refuxiadas ás súas casas e terras que lles foron confiscadas ou derrubadas, tal e como se recollen nas sucesivas resolucións das Nacións Unidas.