A CIG solidarízase co pobo cubano ante a nova agresión dos EUA e exixe a fin do bloqueo económico, comercial e financeiro

Internacional - 11 Feb 2026

A CIG solidarízase co pobo cubano e envía unha mensaxe de apoio á Central de Traballadores de Cuba – CTC ante a agresión imperialista do goberno estadounidense baseada no endurecemento do bloqueo de carácter económico, comercial e financeiro, após máis de 60 anos de vixencia, cuxo único obxectivo é destruír o proceso revolucionario. Encontrámonos ante o maior ataque inxerencista até o momento contra Cuba en forma de guerra económica que procura o desgaste da poboación e a desestabilización da sociedade.

A contundencia nos ataques á subministración enerxética anunciáronse por parte da administración Trump o 29 de xaneiro, polo que se decretaron ameazas, coaccións e chantaxes en forma de sancións e imposición de aranceis contra aqueles terceiros países que vendesen ou provesen de petróleo a Cuba.

Esta nova ofensiva do imperialismo ianqui procura a asfixia absoluta do pobo cubano mediante a incidencia directa nas condicións de vida da clase traballadora

Esta nova ofensiva do imperialismo ianqui, iniciada xa con anterioridade coa presenza naval no Caribe e co secuestro ilegal de petroleiros, procura a asfixia absoluta do pobo cubano mediante a incidencia directa nas condicións de vida da clase traballadora, atacando o dereito ao acceso da poboación á electricidade; mais tamén o normal funcionamento e mesmo a viabilidade do servizo de hospitais, da distribución de alimentos, do transporte e de calquera tipo de actividade produtiva.

Trátase, pois, dun ataque á aposta decidida pola soberanía popular, á xustiza social e á dignidade, acentuando o carácter inxerencista que vén desenvolvendo o actual goberno dos EUA, desta volta contra un proceso, o cubano, que situou na centralidade o garante á saúde pública universal, á educación, ás políticas de benestar social e unha política exterior caracterizada polo respecto a outros pobos do mundo.

So a perspectiva do dereito internacional, estes feitos caracterízanse como unha violación flagrante do lexítimo dereito de existir e da soberanía do pobo cubano, e demostran novamente o carácter imperialista duns EUA que aspiran a alicerzar o seu dominio global, mais tamén o continuísmo coa doutrina Monroe e o intento de subordinación da América Latina e do Caribe como patio traseiro que permita o espolio de recursos e o intervencionismo político.

Ante estes feitos a CIG fai un chamamento á mobilización pola paz, contra o intervencionismo e as agresións imperialistas, e polo dereito dos pobos á súa soberanía; reclama a necesidade de acción por parte dos organismos internacionais e das institucións galega, do estado español e europea, a fin de determinaren accións contundentes que permitan pór fin ao bloqueo económico, comercial e financeiro á República de Cuba; e reafirma a súa solidariedade coa clase traballadora cubana ante estes feitos intolerábeis.