A CIG solicítalle ao Concello de Sarria información clara sobre a espionaxe a traballadoras da residencia de baixa médica
A CIG vén de solicitarlle ao Concello de Sarria a convocatoria dunha Mesa Xeral de Negociación para que o Goberno municipal informe directamente á representación legal dos/as traballadores/as sobre a grave situación xerada na xestión da Residencia Municipal Nosa Señora do Carme a raíz de que se descubrirá que o anterior responsábel da mesma, o concelleiro Benjamín Escontrela, contratara os servizos dun detective privado para espiar as traballadoras en situación de baixa médica.
Unha vez que estes feitos saíron á luz pública e que foron tratados tanto no Padroado da Residencia coma no Pleno municipal, a CIG considera "que é hora de que se dea información formal e detallada dos feitos acontecidos á representación legal do persoal, así como das medidas que o Goberno municipal está a xestionar ao respecto".
É hora de que se dea información formal e detallada do acontecido á representación legal do persoal, así como das medidas que o Goberno municipal está a adoptar"
O secretario de Organización da CIG de Lugo-A Mariña, Lois Neto, lembra que a central nacionalista xa manifestou publicamente cando saltou se deu a coñecer o sucedido "que considerábamos extremadamente grave o acontecido, e como tal o Goberno municipal debe de informar á representación sindical".
Por iso, lamenta que o Goberno local tardara tres anos e medio "en asumir e recoñecer a desastrosa xestión que o concelleiro Escontrela fixo na residencia, a cal non foi máis que obxecto de conflitos nesta lexislatura".
De igual xeito, critica a persecución e o asedio ao que Escontrela someteu a aqueles traballadores e traballadoras da residencia "que non actuaban ao seu ditado". Unhas prácticas foron denunciadas pola CIG en varias ocasións "e sobre as que desde o Goberno municipal nunca se actuou coa responsabilidade que se debera".
A este respecto, Neto denuncia que os traballadores e as traballadoras da residencia foron consideradas polos distintos Gobernos municipais nas últimas lexislaturas "coma persoal de inferior categoría ao resto do persoal municipal e desde a CIG queremos defender a profesionalidade do persoal da residencia, que é capaz de facer un gran labor fronte á nefasta xestión da residencia por parte do Concello".
Unha vez que o Concello transmita a información veraz e formalmente, dende a CIG valoraranse que medidas e acción sindicais e xudiciais se poden levar adiante en defensa das traballadoras afectadas.