A CIG-Autonómica solicitoulle ao conselleiro de Facenda unha xuntanza de urxencia para dar solución e que nos actos de elección de destino participen todas as promocións que estean nesa situación, sen que ningunha quede relegada a un futuro incerto. Lembran que as case 500 persoas funcionarias de corpos xerais que concorreron á promoción interna do ano 2023 en convocatorias derivadas das ofertas de emprego dos anos 2020 e 2021 non van poder acceder ao destino definitivo por unha decisión da directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal.
O sector de Autonómica da CIG-Administración sinala que das oito promocións de corpos xerais que están pendentes de obter o seu destino definitivo, unha delas, a promoción interna do 2023 non vai poder acceder, coa conseguinte perda de dereitos.
“E todo isto pola decisión, ou mellor dito, pola indecisión e inhibición da directora xeral de Emprego Público. Descoñecemos os motivos pois o argumento empregado en primeiro lugar foi que “non toca”. Despois, que “os procesos aínda non están aínda rematados”, cando si o van estar antes de que se convoquen todos os actos de elección de destino (as resolucións coas relacións de persoas que superaron os procesos publicouse no DOG do 30 de abril e a entrega de documentación remata a final de mes)”, advirte a CIG-Autonómica.
Ao mesmo tempo, denuncian que a directora xeral non proporcionou datos nin de cantas persoas teñen que elixir posto nesta promoción interna, nin de cantas na anterior (hai persoas que no concurso obtiveron postos abertos), nin de cantas prazas concretas faltarían para poder levar adiante todas as eleccións de destino, xa que a información foi xenérica.
“Ás persoas que aprobaron a promoción interna hai que darlles destino definitivo, e adiar esa decisión non soluciona o problema da falta de prazas e resta dereitos ás persoas funcionarias, cando este problemas foron causados por unha decisión inxusta e incomprensíbel”, subliñan.
Por iso, ante esta inacción, reclámanlle ao conselleiro que poña orde e se busque unha solución inmediata para garantir os dereitos do persoal empregado público da Xunta.